O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reiniciou hoxe a nova xeira de ‘Conversas no Parador’
Este martes 14 de decembro reiniciáronse as “Conversas no Parador” de Ferrol que desde marzo do pasado ano o Club de Prensa de Ferrol deixara de celebrar a consecuencia da primeira vaga da Covid 19. O acto contou coa presencia do Vicepresidente Segundo da Xunta de Galicia e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, quen disertou sobre as diversas medidas socioeconómicas que están sobre a mesa para tratar de paliar a crise xerada pola pandemia e pola descarbonización.
Francisco Conde estivo acompañado polo presidente do PP de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a concelleira popular Martina Aneiros, o concelleiro do mesmo partido Alejandro Padilla, e o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, ademais de outras personalidades. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, referiuse a situación socioeconómica das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal , sinalando que a vontade da Xunta nestas circunstancias era a de tender a man ao Goberno para que acompañe a Galicia na tarefa de recuperar industrialmente Ferrolterra e poña o necesario da súa parte para despexar as incertezas que asoman nas comarcas.
“Ferrolterra merece que administracións e o tecido produtivo e rememos na mesma dirección para reactivar económica e industrialmente esta comarca, xa que estamos nun contexto que pode abrir un marco de oportunidades se poñemos todos os recursos que están ao noso alcance”, asegurou Conde durante a súa intervención nas Conversas no Parador. Unha cita onde fixo referencia á transición ecolóxica apresurada que está a levar a cabo o Executivo central, así como a súa política enerxética que está a levar a factura eléctrica a niveis desorbitados para a industria, as pequenas e medianas empresas e autónomos e as familias, polo que avogou por unha transición xusta que pase por dar tempo á industria para levar a cabo este proceso.
“Esta comarca é o mellor exemplo do que significa unha transición enerxética sen planificar”, manifestou o vicepresidente segundo, poñendo como exemplo a recente reapertura provisional da térmica das Pontes e as consecuencias que está a deixar para o porto de Ferrol, indicando a importante axenda de deberes que ten por diante para lograr novos tráficos e operadores cos que compensar os efectos do peche da central.
Neste sentido, Francisco Conde puxo en valor os Protocolos de Transición Xusta tanto para As Pontes como para Meirama, xa que reflexan o compromiso expreso das administracións e das entidades locais de traballar conxuntamente para axudar a estas zonas afectadas polo peche das centrais. Con todo, o titular de Economía, Empresa e Innovación da Xunta pediu que “non se xeren expectativas que non sexan reais porque os 91 millóns de euros contemplados nestes plans non son suficientes xa que se dirixen a 184 concellos de toda España”.
Neste contexto, Conde asegurou que Ferrol merece un plan de actuacións moito máis amplo e ambicioso como é o “Pacto de Estado por Ferrol, no que tería que entrar o Porto de Ferrol, unha proposta que foi entregada hai seis meses ao Goberno central e sobre a que aínda non se pronunciou”. Con independencia deste feito, o vicepresidente insistiu en que os asuntos que dependan da Administración autonómica faranse nos prazos establecidos, un cometido polo que velará a nova Delegación da Xunta en Ferrol que se vai poñer en marcha.
Aproveitar as fortalezas
O Pacto de Estado por Ferrol supón unha folla de ruta na que se contemplan actuacións de peso como a creación dunha Zona Franca no porto de Ferrol ou o desenvolvemento da eólica mariña.
“Galicia e Ferrol poden aspirar a este obxectivo porque contamos cun alto potencial enerxético e un competitivo tecido industrial en toda a cadea de valor no que xa teñen depositado a súa confianza empresas nacionais do sector”, indicou Conde, quen fixo referencia ao Clúster de Eólica Offshore constituído por Galicia, Cantabria e Asturias para desenvolver unha estratexia compartida que sitúe ao norte de España como un referente internacional desta enerxía.
Outra das medidas anunciadas polo Vicepresidente de Economía, é a creación dunha delegación na cidade que complemente ao edificio administrativo existente na Praza de España “para que todas as competencias poidan levarse a cabo”, con medidas destinadas “ao emprego e a dinamización industrial”, ademais de velar por outros proxectos en marcha como as obras de ampliación e reforma do CHUF ou das actuacións de rehabilitación en Ferrol Vello, con “unha folla de ruta” con iniciativas como pode ser “a creación dunha zona franca non Porto de Ferrol”.
Do mesmo xeito, o sector naval centra unha parte importante das medidas recollidas no Pacto de Estado a través do impulso de investimentos necesarios para a modernización de Navantia como a construción do dique seco e o taller de sub-bloques. “A transformación do estaleiro pasa pola construción do dique seco para optar a licitacións internacionais; iso é irrenunciable, ademais das vantaxes que supón para ser mais competitivos” , asegurou o vicepresidente económico.
Ao mesmo tempo, avogou pola construción dun BAM para dotar de actividade ao estaleiro mentres non comezan os traballados das fragatas F-110; así como a dotación de carga de traballo da área de reparacións de Navantia a través da transformación do Buque Galicia –que podería supoñer 6 meses de actividade para 200 traballadores– e do que dixo “non se volveu a saber nada”; a potenciación de áreas de reparacións e carenas; e a fixación na cidade do Centro de Excelencia do Naval que se inaugurou recentemente no CIS Tecnoloxía e Deseño, dependente da Xunta de Galicia.