O reitor Julio Abalde falou dos proxectos de futuro da UDC nas "Conversas no Parador"


Ferrol, 20 de outubro de 2022

Interesante e ilustrativa poderíamos cualificar a palestra que mantivo o reitor da Universidade de A Coruña Julio Abalde no almorzo informativo “Conversas no Parador” que cos xornalistas de medios informativos de Ferrol e comarca ven organizando o Club e Prensa, no Parador de Turismo de Ferrol, ao abeiro da hospitalidade outorgada por José Antonio Cedena, director deste establecemento hostaleiro e todo o persoal do mesmo.

O reitor Julio Abalde, fixo un nidio relatorio dos proxectos que ten a Universidade de A Coruña respecto ao Campus de Ferrol entre os que se podería destacar o da Unidade Mixta de Investigación (UMI) que mantén a UDC coa empresa pública Navantia, ten previsto dotarse dun novo centro, situado na Residencia de Batallóns, para o desenvolvemento vinculado ao Estaleiro 4.0. Así mesmo, "terá unha liña de investigación cara a eólica mariña, nun centro estable, onde haberá un número importante de científicos e investigadores, ademais de enxeñeiros deNavantia". "Será", engadiu, "un proxecto centrado nas futuras fragatas da serie F-110" no que estará implicada a Armada.

O reitor universitario sinalou que a firma para este novo centro de investigación farase «a finais do mes de novembro para inicialo o vindeiro ano, e que ampliará o Campus ferrolán para aloxar tamén os laboratorios e servizos de transferencias". Tamén fixo mención ao número de alumnado que anda polos 2.500 estudantes. Un dato no que percíbese un lixeiro reponte, malia se notar un lixeiro descenso en enxeñaría.

Inmoble de Serantes

A preguntas dos medios de comunicación Julio Abalde tamén se referiu ás instalacións e edificacións situadas en Serantes, e que actualmente están sen actividade tras acoller durante anos ensinos de enxeñaría. “Temos que buscar a mellor alternativa, que sirva para dar servizos a esa zona da cidade, pero non van ser uso universitarios” detallou, ademais de incidir que “gustaríame que ese edificio fose útil para a cidadanía, e que teña uso”.

Con respecto ao proxecto para levantar un novo edificio na zona da avenida de Esteiro, nunha parcela que vendeu o Ministerio de Defensa, sinalou que “nestes momentos estamos cun proxecto de modificación parcial no ámbito urbanístico que xa foi informado favorablemente polo Concello de Ferrol, tras un informa negativo por parte do anterior propietario, pero estamos en vías de solución”. O reitor detallou que logo chegará “o proceso de elaboración do proxecto, solicitude de licenza de obras e inicio das mesmas, todo iso no ano 2023”, e que se prolongarán “durante dous anos con financiamento externo, e que acollerá fundamentalmente laboratorios do Campus Industrial e servizos de transferencia e logo o centro mixto”.

Titulacións

Por último, Julio Abalde tamén detallou que nas titulacións do Campus de Ferrol está a rexistrarse “un lixeiro aumento das matrículas” con algunhas formacións como Enfermaría, Podoloxía, Deseño Industrial “cunha gran aceptación”, incidindo en que “os dous títulos que se están impartindo na Facultade de Humanidades e Documentación, tanto Xestión de Moda como Relacións Internacionais son un éxito rotundo”, ademais de incidir que “no Máster de Videoxogos temos que destacar a cantidade de persoas e de primeiro nivel que veñen a Ferrol a dar conferencias, charlas e talleres para dar leccións aos estudantes”.

Na súa intervención reivindicou a cidade de Ferrol como Cidade Universitaria e insistiu na necesidade de “reforzar as actividades das que nos consideramos fortes”, e subliñou tamén a “ilusionante apertura oficial dun novo Centro de Investigación UDC-Navantia en Batallones".

Neste acto estiveron presentes presidindo a mesa: o alcalde de Ferrol, Ángel Mato; a vicerreitora do Campus, María Jesús Movilla; o concelleiro de cultura, Antonio Golpe; e o director de Navantia, Eduardo Dobarro. Presentou ao convidado o directivo do Club Xoán Rubia.