O Nº 32 do Caderno FerrolAnálisis dedicado a “Arquitectura pública de Ferrol 1977-2017” presentarase o 30 de xullo en Exponav


Ferrol, 27 de xullo de 2020

A sala Carlos III do Museo da Construción Naval de Ferrol acollerá o vindeiro xoves 30 de xullo as 20:00 horas o acto de presentación do Nº 32 do Caderno Ferrol Análises que está dedicado a Arquitectura Pública realizada en Ferrol nos últimos 40 anos, do que son autores os arquitectos Manuel A. Romero Pérez e Federico Carro Gil.

No acto de presentación ademais dos autores participarán o coordinador da edición e membro do Club de Prensa, Fernando Bores, a Presidenta da Delegación en Ferrol do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Carmen Pérez Parapar, a Presidenta do Club de Prensa Xulia Díaz, a Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez e o Alcalde de Ferrol, Ángel Mato.

O Caderno recolle unha boa mostra da arquitectura feita na nosa cidade desde 1977, data da apertura da Delegación de Ferrol do Colexio de Arquitectos de Galicia.

Ademais, a través destas actuacións públicas, os autores sinalan “que é posible intuír as procuras e obxectivos que definiron o desenvolvemento da cidade nestes anos; porque, en definitiva, a arquitectura e o urbanismo, en certa forma, reflicten os logros e os novos valores xurdidos nesta importante etapa de alternancia democrática. Unha evolución urbana, que tamén, permítenos vertebrar e ordenar a presentación destas singulares obras, coas que, non só tivo continuidade a construción da cidade de onte, senón que tamén podemos atopar o camiño a seguir pola cidade do mañá, xa que, na vida das cidades, o presente, é só un efémero instante situado entre un pasado que as constrúe e un futuro por proxectar”.

O Club de Prensa de Ferrol tenta con esta publicación que o mellor da arquitectura pública realizada na nosa cidade, neste lapso de tempo, quede recollida nun libro “que se ten, que se garda e se consulta” como sinala o arquitecto técnico Fernando Bores Gamundi, no liminar da obra, e que pon ante os nosos ollos o valor patrimonial, urbanístico, arquitectónico e funcional da arquitectura pública Ferrolán.

Debido a limitación do aforo polas indicacións sanitarias, a asistencia ao acto será por invitación confirmada.