O maxistrado do TSXG, Juan Luís Pía Iglesias nas “Conversas no Parador“


Ferrol, 25 de marzo de 2019

O maxistrado do TSXG, Juan Luís Pía Iglesias, participou na mañá deste luns nas “Conversas no Parador” que organiza o Club de Prensa de Ferrol nas que tratou temas relacionados co Prestige, a prisión permanente revisable e a violencia que se exerce cos menores e outros de grande interese que motivaron unhas interesantes declaracións, a preguntas dos representantes dos medios de comunicación, das que recollemos as seguintes:

A FAVOR DA PRISIÓN PERMANENTE REVISABLE

Pía Iglesias sobre este tema declarou que está ao seu favor e que a considera xusta, porque é unha pena de privación de liberdade que non ten límite, e con revisión, polo que pasado un tempo revisarase.

A VIOLENCIA COS MENORES

Con respecto a este tema, Pía Iglesias sinalou que “en España a día de hoxe a lei prohibe calquera tipo de violencia física sobre o neno, salvo os casos loxicamente de contención, en nenos de 14 ou 15 anos, onde as veces se reacciona, pero fóra disto, non se pode permitir ningunha agresión física. A resposta penal que hai agora pode ser excesiva, pero hai que pór na cabeza de toda a xente deste país que a un neno non se lle pode tocar nunca, non pode haber violencia física de ningún tipo”.

O PRESTIGE

O maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José Luís Pía Iglesias, estimou que “a aplicación de denominado título executivo europeo” un documento ao cal a lei lle atribúe a suficiencia necesaria para esixir o cumprimento forzado dunha obrigación, sería, segundo o xuíz “a opción para poder cobra a indemnización” pola catástrofe do Prestige, xa que foi este maxistrado o encargado de xulgar este caso, e que desde o seu punto de vista “estamos a piques de perder esta oportunidade porque o Brexit tardará agora poucos meses e xa non hai moita marxe”.

Tamén sinalou que a empresa aseguradora do buque petroleiro nunha das súas últimas comunicacións declaraba que estaban dispostos a asumir a súa responsabilidade por unha cantidade que eles estimaban en 1.000 millóns de dólares, manifestando que “nese momento debeuse de coller esta cantidade e logo xa discutiríamos o resto”, algo que non se fixo e non sabía agora como estaban as cousas.

Pía Iglesias tamén dixo que un dos problemas deste caso foi a dilación no tempo da tramitación, “de até once anos, debido á vinculación da acción civil da penal, onde estou seguro que nun par de anos aquilo estaría resolto, se se abordase só o penal, pero ao unilo, produciuse a súa dilación no tempo”, afirmando tamén que “a día de hoxe aínda ninguén sabe o porqué produciuse a fenda no casco do barco, que deu lugar á perdida do fuel e posterior afundimento do buque, ninguén o sabe, e se o saben non o dixeron, e mira que pasaron técnicos por alí”.

Foto: Club de Prensa de Ferrol. O maxistrado do TSXG, Pía Iglesias, acompañado por representantes do Club de Prensa, o director do Parador e o decano do Colexio de Abogados de Ferrol.