O libro Ángeles Alvariño. Mi estela en los océanos, de Man Castro, presentado en Mugardos.


Ferrol, 11 de novembro de 2022

“A figura e obra de Ángeles Alvariño aínda é pouco coñecida en España e na súa cidade natal”

Na tarde do venres foi presentado na cultur-tasca “O Escabeche” de Mugardos o libro "Ángeles Alvariño. Mi estela en los océanos", onde o autor Man Castro, presidente fundador e Presidente de Honra do Club de Prensa de Ferrol, incidiu na idea que mantivo desde que coñeceu a figura da oceanógrafa, de "rescatar e divulgar a obra de Ángeles Alvariño". Unha idea que se foi tecendo desde o ano 1990 no que a través do mugardés Xosé Rubia Barcia, soubo da importancia da investigadora Ángeles Alvariño. Desde entón na revista de Pensamento e Cultura Ferrol Análisis, Man Castro, achegounos parte da súa biografía e grande personalidade, que culminou co libro “Ángeles Alvariño. Mi estela en los océanos” que editado polo Club de Prensa de Ferrol, presentouse ao público o pasado 25 de maio na SGHN de Ferrol.

Desde entón varias localidades acolleron a presentación dun libro que está sendo moi ben recibido polo público nas diversas entidades culturais ou bibliotecas onde o autor é o libro son reclamados. Foi o caso do pasado venres, onde se puido gozar dunha "entrañable, acolledora e hospitalaria tarde", na vila de Mugardos, grazas á iniciativa da cultur-tasca que rexentan Pilar e Lola, “O Escabeche”, fermoso e acaído escenario da presentación do libro “Ángeles Alvariño. Mi estela en los océanos”. Alí a obra divulgativa da autoría de Germán Castro, concitou a atención do público asistente que mantivo un interesante debate co autor e presentadores do acto, onde se puido apreciar o interese en coñecer a obra da oceanógrafa ferrolán que Man Castro nos está a difundir.

Xunto a Germán Castro participaron na presentación o cantautor mugardés e membro directivo do Club de Prensa, Xoán Rubia, que falou da relación do profesor e escritor, tamén mugardés, José Rubia Barcia, con Ángeles Alvariño e as orixes do “descubrimento” da extraordinaria traxectoria da científica ferrolá alá polos anos 90 do século pasado. Rubia Barcia, que tamén vivía en Califonia, foi quen trouxo a noticia da existencia da eminente oceanógrafa.

Pola súa banda, Xulia Díaz Sixto, presidenta do CPF, subliñou algúns aspectos biográficos do autor e tocou e pasaxes do traballo realizado por Man Castro. Salientou a “abundante documentación que o autor nos achega” que nos permite “coñecer o carácter firme e decidido da oceanógrafa para conseguir as metas que se ía impondo e dos seus recursos para derrubar os impedimentos que dificultaban o seu camiño”. E destacou a “extraordinaria lección de transparencia e oficio xornalístico que Man Castro pon ao noso alcance, abríndonos a xanela máis persoal, a fonte máis precisa para coñecer e dimensionar a figura internacional de Ángeles Alvariño, e ao tempo familiarizarnos cos obxectos das súas investigacións”.

Man Castro, que preferiu “amenizar a palabra”, como el dixo, co recurso do powerpoint, fixo un ameno repaso á xestación do libro, aspectos da faceta humana da protagonista, “muller de armas tomar, rompedora e adiantada ao seu tempo” e cuestións anecdóticas para rematar con algunhas consideracións: “Non sei se porque é muller, ou porque é científica ou porque é ferrolá ou polas tres cousas á vez, Ángeles Alvariño, é aínda unha figura pouco coñecida en España e tamén na súa cidade natal”"unha vez máis vemos como antes e agora o triste destino de moitos talentos é emigrar para que sexan outros países quen se beneficien do seu traballo e sabedoría", e, finalmente, Man Castro detívose no feito revelador da escasa pericia “dos nosos xestores ferroláns cando comprobamos que os legados documentais de Torrente Ballester e Carvalho Calero están en Santiago e os de Ángeles Alvariño e o libro mecánico, precursor do libro electrónico, de Ángela Ruiz Robles, están na Coruña”.

Ángeles Alvariño, investigadora de océanos e mares adxacentes, descubridora de 22 especies do mundo do plancton mariño, laureada e recoñecida como unha das grandes expertas internacionais na citada materia, seguirá sendo levada e divulgada alí onde reclamen a nosa presenza. A próxima parada será o día 29 na vila lucense de Guitiriz.