O ECO “dos feitos do 10 de marzo de 1972” na prensa de Europa e América
Unha análise da profesora Rosa Cal, sobre o papel dos medios de comunicación na difusión informativa das tráxicas xornadas de marzo de 1972
O vindeiro martes 20 de decembro o Ateneo Ferrolán acollerá a intervención da profesora emérita de xornalismo da UCM e escritora Rosa Cal Martínez, quen analizará o eco dos sucesos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol, nos medios de comunicación de Europa e de América, e a transcendencia que os mesmos acadaron nos diferentes países en función da súa relación co réxime franquista.
O acto, comezará as 19:30 horas, e con el, o Club de Prensa de Ferrol, entidade organizadora do mesmo, súmase as diversas asociacións e entidades que ao longo deste ano 2022 viñeron colaborando na conmemoración do 50º Aniversario dos Sucesos de marzo do 72, e contribuíndo á divulgación histórica dos mesmos.
Rosa Cal Martínez
Ferrol 1944, filla de José María Cal Veiga (panadeiro de oficio) e María Martínez Freire. Estudou maxisterio en Ferrol, onde impartiu docencia durante quince anos. En 1965, aproba as oposicións a "Mestra Nacional" e tras tomar posesión dá praza pide a excedencia.
Á morte do seu pai en 1975, abandona Ferrol. Matricúlase na Facultade de CC. da Información e na Facultade de CC. da Educación. Licenciada en Pedagoxía e doutorada en Xornalismo, obtén por oposición a praza de profesora titular de universidade. Á súa xubilación foi nomeada profesora emérita.
Colabora na prensa local e varias revistas. O seu primeiro libro publicado foi Veinte viajes en el tren expresso. En 1987 a UCM publicou a súa tese, La prensa alternativa en la zona no urbana de Galicia. En 1991 apareceu A mi no me doblega nadie. En 2013 publica Os curas contra Franco. En 2015 Informes diversos dos sucesos de Ferrol 10 de marzo 1972, e en 2017 publica RADIO LIBERTY: La CIA en Playa de Pals, e a finais de 2020, Proa Avante. Hildegart: El éxito de la Pedagogía-Aurora: El infortunio de la Locura, entre outros.