O delegado do goberno José Miñones nas “Conversas no Parador”


Ferrol, 21 de abril de 2022

O delegado do goberno José Miñones participou esta mañá nas "Conversas no Parador"  que ven organizando o Club de Prensa de Ferrol no Parador da cidade. O acto contou tamén coa participación da subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas, e a el asistiron diversos representantes de institucións e organizacións relevantes de Ferrolterra; entre eles, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o director de Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro.
José Miñones destacou a aposta do Goberno polo sector naval de Ferrol e manifestou que o programa fragatas F-110, ao que o Ministerio de Defensa destina 4.320 millóns de euros, é “o pulmón que vai dar un novo aire a toda a comarca e especialmente a esta cidade”.

Reiniciar Ferrol

José Miñones sinalou que o pasado día 6, “cando o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, presionou o botón para o corte de chapa da primeira fragata F-110, o presidente estaba a presionar o botón para reiniciar Ferrol”. O delegado lembrou que, á parte do contrato para a construción de cinco fragatas, o Goberno inviste 165 millóns de euros para modernizar as instalacións de Navantia Ferrol no período 2018-22, a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais ( SEPI).

Transformación da avenida das Pías

O delegado avanzou que “en moi pouco tempo, os cidadáns e as cidadás de Ferrol verán comezar as obras das Pías e en cuestión de dous anos e medio poderán gozar deste novo espazo de entrada a Ferrol, máis habitable e integrado, cun investimento de máis de 10 millóns de euros” , e sinalou que “a humanización das Pías será a maior obra de transformación urbana que se realizou en Ferrol en moito tempo” e que supón “toda unha aposta pola mobilidade sustentable que seguro que vai ter continuidade con fondos do Plan de recuperación nesta mesma liña”.

José Miñones referiuse tamén á recuperación do castelo de San Felipe, que o Concello poderá acometer a cargo do Programa do 1,5% Cultural do Ministerio de Transportes. O proxecto de intervención nas cubertas pétreas e no sistema de evacuación de augas pluviais neste Ben de Interese Cultural foi aprobado definitivamente na última convocatoria de axudas e conta cun investimento de 455.000 euros por parte do Goberno.

José Miñones agradeceu ao alcalde, Ángel Mato, e ao Concello de Ferrol “o seu labor diario na xestión destes programas e o protagonismo que adquire, tanto na parte económica como, sobre todo, na administrativa de xestión”. Ademais, o Concello contará coa oportunidade de mellorar os edificios públicos e optar así a 15 millóns de euros dentro do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos.

Infraestruturas

O delegado lembrou que o Porto de Ferrol beneficiarase dun investimento de máis de 110 millóns de euros do Goberno. A obra máis importante é a do tren ao Porto Exterior, orzada en 95 millóns, e na que se investirán 21,2 millóns este ano. Ademais, está en redacción a renovación do acceso ferroviario ao Porto interior, en cuxas obras o Goberno investirá 7 millóns.

Con respecto as conexións ferroviarias José Miñones falou da necesidade de atopar unha mellora das conexións ferroviarias de Ferrolterra. “Súmome á necesidade de atopar unha mellor conexión ferroviaria e achegar a alta velocidade a Ferrol”, afirmou, e apuntou que neste campo “o abandono estivo en todos aqueles anos nos que non se moveu nin un só papel para pór en marcha os estudos necesarios para os proxectos” que agora está a pór en marcha o Goberno por máis de 24 millóns para actuacións no tramo Ferrol- Vegadeo, a renovación das vías de proximidade, a estabilización na liña Ferrol- Pravia, o estudo informativo da liña Ferrol-A Coruña ou a reparación da senda peonil de Santa Mariña, xa finalizada.

Transición Xusta

O delegado destacou que “toca aproveitar o novo escenario global para dar impulso a Ferrolterra”. José Miñones lembrou que Ferrol e outros 13 municipios da zona afectados polo peche da central térmica das Pontes, así como os 5 municipios impactados polo peche de Meirama, entran no programa de Transición Xusta do Goberno, con dereito ás axudas directas “para alcanzar proxectos e oportunidades de emprego co obxectivo de reactivar estas zonas”.

“A transición enerxética é un reto para Ferrolterra, pero as oportunidades son enormes” reivindicou José Miñones en alusión aos 91 millóns de euros para infraestruturas nos municipios afectados con cargo ao Plan de Recuperación, máis os 111 millóns de euros que o Goberno destina especificamente a Galicia, e outras convocatorias como a que está a lanzar o Instituto de Transición Xusta, con fondos propios, para financiar proxectos empresariais nos municipios afectados por valor de 27 millóns de euros para 2022 e outros tantos para 2023.