O Delegado do Goberno en Galicia Pedro Blanco Lobeiras en
“Conversas no Parador de Ferrol”
Este martes , 30 de abril , o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras participou no ciclo “Conversas no Parador” que ven organizando o Club de Prensa de Ferrol no citado centro Hostaleiro de Ferrol. Entre os numerosos asistentes figuraban os ex-alcaldes Vicente Irisarri e Ángel Mato, asi como membros da executiva local do PSdG-PSOE , concelleiros do grupo municipal socialista, representantes empresariais e o director do Parador, José Antonio Cedena.
O delegado do Goberno Pedro Blanco comezou a súa disertación facendo unha análise positiva da situación de Ferrol, referíndose ao crecemento de número de habitantes, da actividade económica e dos diversos proxectos industriais e na construción naval. Tamén das vías de comunicación terrestres e ferroviarias, poñendo o foco no "Bypass" de Betanzos, do que adiantou que finalizou o seu estudo e agora o documento deberá pasar o trámite de exposición pública para despois sacar a concurso a obras. O delegado do Goberno entende que o estudo informativo contempla tamén a adaptación do ancho de vía e remarca que é un dos primeiros pasos para que a liña rápida chegue a Ferrol.
O delegado explicou que esta aposta se traduce nun compromiso de máis de 5.000 millóns de euros de investimentos que non ten equiparación noutras cidades de Galicia: “confiamos tanto en Ferrol que é a cidade galega na que o Goberno de España compromete e executa maiores investimentos, por encima da Coruña ou Vigo”.
Na súa intervención, o delegado debullou os proxectos que desenvolve o Goberno en Ferrol e que impulsan o sector industrial e a economía, as comunicacións, a traza urbana, a vivenda e os equipamentos públicos.
O Estaleiro e As Pías
Comezou analizando o impacto do contrato das Fragatas F-110 e a modernización do estaleiro de Navantia co taller de bloques como investimento máis relevante. Estas accións, xunto co contrato para a construción dun novo buque de aprovisionamento AOR para a Armada comprometido para antes de fin de ano, garantirán que ”Ferrol sexa de novo o que nunca debeu deixar de ser, corazón de Europa da construción naval da defensa”.
Continuando coas infraestruturas, o delegado detallou a obra para a reforma da avenida das Pías e da supresión “da barreira que separaba barrios enteiros de Ferrol e que foi a principal demanda desta cidade en décadas”. O delegado destacou o esforzo de acordar cada avance das obras co Concello e coa veciñanza, e o aumento do orzamento “nun 20% até superar os 11 millóns de euros para dar cabida precisamente as distintas melloras”.
Preguntado pola duración das obras, Pedro Blanco comprometeuse a tentar solucionar, o máis pronto posible, os prazos de execución das obras da entrada en Ferrol a través do tramo da Trincheira, que comeza este martes 30 de abril. En canto ao remate definitivo das obras sinalou que estiman que podería ser a finais deste ano.
Vivenda e urbanismo
No que respecta á vivenda, o delegado lembrou a aposta do Goberno polo dereito do acceso á vivenda e pola rehabilitación, que tamén se traduce en investimentos para a cidade de Ferrol. “En Ferrol investimos case 10 millóns de euros para rehabilitar máis de 600 vivendas e construír 61 vivendas para aluguer social, fundamentalmente en dous edificios no barrio do Bertón”, explicou.
Xunto á vivenda, o delegado fixo fincapé na transformación urbanística de Ferrol, que tamén posibilita o Goberno, neste caso a través dos acordos co Ministerio de Defensa. Por unha banda, a través do convenio de cesión de terreos, que fará posible “un novo barrio no centro de Ferrol, grazas á cesión do Sánchez Aguilera”. A esta vella demanda, uniu o compromiso anunciado pola ministra de Defensa que facilitará a rebaixa do muro do Arsenal, mellorando a permeabilidade urbana da contorna a esta infraestrutura.
Pedro Blanco respondeu, ás preguntas dos xornalistas presentes no Parador, en relación cos proxectos pendentes de infraestruturas, educación, vivenda, alugueres prohibitivos problemas nos estudantes universitarios, etc.
Sobre o CAMF, o centro de atención a persoas con discapacidade, o delegado asegurou que está en marcha o proceso para elixir á persoa que dirixirá o centro e que haberá incorporacións de persoal para reforzar o persoal, cunha nova Relación de Postos de Traballo.
O delegado concluíu a súa intervención “apostando polo Ferrol que sorrí e que mira cara o futuro con optimismo” e apelando á unidade de administracións, sector económico e sociedade civil para “seguir avanzando no desenvolvemento destes proxectos, garantir que estas actuacións dan o resultado desexado, e alcanzar novos investimentos para Ferrol”.