O Club de Prensa de Ferrol convoca a 30ª Edición do certame de "Galicia en Foco"


Ferrol, 26 de agosto de 2021

Como homenaxe aos foto-xornalistas participantes nas trinta edicións realizarase un Catálogo Especial e Exposición Conmemorativa da efeméride.

O Club de Prensa de Ferrol convoca a 30ª edición do certame Galicia en Foco para elixir a Foto ou Foto-reportaxe do Ano 2020 entre aquelas imaxes que foran publicadas nos medios de comunicación ao longo do ano 2020. Coas fotos e foto-reportaxes seleccionadas montarase unha exposición que terá carácter itinerante por diversas cidades e vilas de Galicia e elaborarase un catálogo para dar a coñecer e difundir a obra seleccionada entre as fotos presentadas.

Dado que nesta edición GALICIA EN FOCO acada o 30º ANIVERSARIO de súa posta en marcha, desde o Club de Prensa de Ferrol coidamos que a mellor homenaxe que podemos renderlle aos foto-xornalistas que ao longo da existencia deste certame contribuíron a documentar fotograficamente unha parte importante da historia da sociedade galega reflexada nos diferentes medios de comunicación, pode tomar corpo nun Catálogo Especial da Exposición Conmemorativa desta efeméride e mostre parte da riqueza documental de todos, e á que a súa participación en Galicia en Foco foi contribuíndo. A Exposición e o Catálogo conmemorativos recollerán as fotos desta edición e as que ao longo dos anos foron elixidas como FOTO DO ANO DE GALICIA EN FOCO e se presentarán no primeiro semestre de 2022.

- Poderán concorrer os foto-xornalistas cun traballo de tema galego ou relacionado con Galicia.
- As fotografías deberán estar publicadas en medios de comunicación (papel ou dixital) de cabeceiras recoñecidas entre o 01/01/2020 e o 31/12/2020.
- Créanse dous apartados de participación (Foto do Ano e Foto-reportaxe do Ano),podendo concorrer so a un, para un único premio, de 1.000 euros.
- Cada fotografía enviarase coa súa ficha individual debidamente cuberta que se poderá descargar neste enlace, onde figuran as Bases que rexen o presente certame.

O Club de Prensa de Ferrol poderá utilizar as obras para os fins previstos neste certame, así como nas súas publicacións e nunha exposición e un catálogo que reúna as obras seleccionadas entre as presentadas. Resérvase os dereitos de reprodución gráfica das obras premiadas, que poderán ser difundidas a través da súa páxina web e calquera outro medio publicado por esta institución, así como nas redes sociais.

O prazo de recepción remata o día 25 de setembro de 2021 ás 14.00 horas.