Mercedes Puyol recupera a figura dun ilustre ferrolán no seu libro
Juan Flórez. El Ferrolano que dejó atrás la Marola
A estudar a figura de Juan Flórez, mariño ferrolán e alcalde coruñés, namorado dun soño de progreso para Galicia, entregouse Mercedes Puyol, en principio para un traballo a publicar en Ferrol Análisis, a revista que edita o Club de Prensa de Ferrol. A medida que a investigación se facía máis extensa e profunda, a dimensión do seu estudo alcanzou o nivel dun libro que foi presentado este xoves 2 de setembro no Torrente Ballester de Ferrol pola autora Mercedes Puyol, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato Escalona; a deputada provincial, Ana Lamas e a presidenta do Club de Prensa, Xulia Díaz.
O libro, editado polo Concello de Ferrol e o Club de Prensa coa colaboración da Deputación, publícase no 151º aniversario do falecemento do ferrolán Juan Flórez (9 de xaneiro de 1977-2 de setembro de 1870).
Na súa intervención, o alcalde Ángel Mato destacou que Ferrol “é berce inesgotable de persoeiros”. Xusto no 151º aniversario do falecemento de Flórez, a xornalista Mercedes Puyol “atópanos con rigor e profundidade a un ferrolán pouco coñecido que, como moitos outros, exportou o talento que cultivou na cidade na que naceu e defendeu sempre que puido os intereses dos ferroláns”. A autora do libro preséntanos a un home “realista, pragmático, humilde, tenaz, activo e preocupado polo benestar dos seus veciños”, un home que, “como dixo a ilustre ferrolá Concepción Arenal con motivo da crise de subsistencias de mediados do século XIX, foi infatigable en aliviar tanta desolación”.
Mato destacou a vixencia dos principais obxectivos de Flórez, os de “embelecer e dinamizar as cidades, mellorar as condicións de vida dos cidadáns e tamén a defensa do ferrocarril en Galicia”, posto que na actualidade a Administración traballa por “mellorar os pobos, por poñer en marcha políticas sociais, máis aínda na actual situación sanitaria, e por defender un novo trazado ferroviario entre Ferrol e Coruña que reduza o tempo de traxecto”. En definitiva, dixo, “o seu incansable empeño por traer o progreso a Galicia”.
O rexedor agradeceu a colaboración do Club de Prensa de Ferrol para “poñer en valor” figuras importantes da historia da cidade e á Deputación da Coruña pola súa disposición na promoción da cultura. Por último, felicitou a Puyol polo “afecto e cariño” que demostra nas súas investigacións a cidadáns ferroláns.
Pola súa banda, a deputada provincial e concelleira de Ferrol, Ana Lamas, destacou o labor de Flórez “na mellora da maneira de comunicar Galicia co centro da península, pero tamén intrinsecamente con outras zonas da nosa comunidade” por parte dunha figura “moi activa, cunha mente que endexamais descansaba e que participou de forma activa no desenvolvemento do ferrocarril”.
A autora Mercedes Puyol, agradeceu os apoios recibidos para desenvolver o proxecto e ao longo da súa intervención, apoiada por abondosa documentación inédita, froito da súa exhaustiva investigación, referiu o proceso seguido indagar nas orixes familiares de Juan Flórez, os estudos, o seu paso pola Armada e o abandono da milicia para desenrolar unha carreira política, primeiro como alcalde da Coruña e despois como deputado e das súas iniciativas para integrar a Galicia na rede ferroviaria da época.
A presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz, tivo palabras de agradecemento para o Concello de Ferrol e a Deputación Provincial da Coruña pola edición do libro e felicitou a Mercedes Puyol polo traballo realizado e pola súa aportación ao coñecemento da historia de ferrolán esgrevios.
Fotografías cedidas polo Concello de Ferrol.