Manifesto do Clube de Prensa de Ferrol con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa. “O xornalismo ten que ser o muro de contención das noticias falsas”


Ferrol, 03 de maio de 2020

O 3 de maio do pasado ano celebramos en Ferrol o acto de entrega do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Unha data de denuncia dos males que padece o sector, pero tamén de reivindicación do xornalismo. Sempre é un balón de osíxeno compartirmos as dificultades da profesión e reconciliarmos con ela. Pero neste Día Internacional da Liberdade de Prensa, os males non parecen ter límites e a reivindicación se fai máis difícil ca nunca nun futuro cheo de incertezas.

Nun momento no que outras profesións están saíndo reforzadas e valoradas pola opinión pública, os medios de comunicación perderon unha grande oportunidade de impulsar o rexurdimento do xornalismo. Porque cando máis demanda de información hai por parte da cidadanía, as empresas xornalísticas decidiron recortar xornadas laborais, salarios e colaboracións. Iso si, sempre por abaixo, nunca por arriba.

É tremendamente complicado, por non dicir imposible, tratar toda a información sobre esta pandemia coa prudencia e rigor necesarios cunhas redaccións desmanteladas. O traballo é o mesmo, ou similar, pero hai menos horas para sacalo adiante e tamén menos xente. A falta de recursos e a urxencia nos levan a cometer imprecisións e fallos, en ocasións, non nos queda máis remedio que convertermos nunha especie de altofalante dos gabinetes de prensa.

Unha profesión que é servizo esencial, que ten un dos propósitos máis valiosos como é informar á cidadanía, pero que esconde unha precariedade salvaxe que dificulta realizar un traballo honesto. Non poder cumprir sempre esa premisa é frustrante. E máis agora que os medios deberían aproveitar esta situación para mostrar fiabilidade, transparencia e ética fronte esa ouleada de noticias de dubidosa credibilidade e noticias inventadas que infestan á sociedade. O xornalismo ten que ser o muro de contención das noticias falsas.

Aos e ás xornalistas de Ferrolterra non teñen que explicarmos que é un ERTE. Tristemente, sabemos como funcionan estes expedientes desde a crise de 2008, aplicados en numerosas empresas da zona, algunhas mesmo do noso sector. Hai compañeiras e compañeiros que van polo terceiro nas súas carreiras profesionais, para outros e outras é o primeiro e os meses que veñen por diante non parecen que vaian a ser moito mellores.

Así que unha vez máis sacaremos a balanza, a lista de pros e de contras e nos preguntaremos se paga a pena. Sopesaremos, de novo, outras opcións. Preparar unhas oposicións, adicarse a outra cousa ou no mellor dos casos buscar un oco nun gabinete. Desta volta, a decisión será máis difícil ca nunca porque o cansazo pesa, o futuro xera angustia e o corazón está un pouco tocado de batallar diariamente coa a frustración de producir noticias porque non hai tempo, nin recursos, para elaborar as informacións.

E malia todo, seguimos a aturar estas tempestades de sal coa esperanza de que un día amaine o temporal. Non nos faltan razóns. Por continuar aprendendo cousas novas cada día; por brindarmos a oportunidade de entrevistar a xente que ten tanto que contar e aportar; por agasallarnos, ás veces, con historias marabillosas que nos reconcilian coa profesión; polos ratos coas compañeiras e compañeiros esperando a que comecen os actos; por dar esa noticia que sabemos que vai axudar a moita xente ou que vai facer feliz a alguén cercan; por denunciar as inxustizas; por narrar o ascenso do Racing; por poñer en branco sobre negro a data de inicio das fragatas F-110; por informar que superamos esta pandemia. Por todo, xornalismo sempre.

Artigo: Rebeca Collado. Xornalista
Foto: Ás Ceibes, Monumento á Liberdade de Prensa,instalado na cidade de Ferrol en el 2005,
por iniciativa do Club de Prensa de Ferrol e a colaboración do artista Manuel Patinha.