Manifesto do Club de Prensa de Ferrol polo Día Internacional de Liberdade de Prensa


Ferrol, 02 de maio de 2024

Citar o Premio Couso é traer á memoria unha guerra, a de Irak, xurdida, como case todas as guerras, dun relato falso, neste caso as armas de destrución masiva. Na guerra de Irak, o tristemente famoso trío das Azores, apostou polo gran bulo, ese xénero que hoxe desgraciadamente multiplicase no discurso político para acabar calando nas capas sociais a través de falsas noticias distribuídas polas redes sociais e plataformas dixitais.

Citar o Premio Couso é traer á memoria unha flagrante vulneración do dereito á liberdade de expresión que ten como exemplo a desalmada decisión tomada por Estados Unidos un 8 de abril de 2003, de lanzar os carros da morte contra o hotel Palestina, ai Palestina!! ... onde sabían que se aloxaban os xornalistas.

Citar o Premio Couso é traer a memoria a impunidade dos poderosos, dos que fan as leis para que as cumpramos os demais. Aínda hoxe, 21 anos despois, a Xustiza dos EE UU, coa complicidade da española, non reparou á familia Couso, á que, como non podía ser doutra maneira, expresamos hoxe aquí, como sempre, o noso apoio e recoñecemento.

A guerra, a mentira, os ataques á liberdade de expresión, a impunidade, en poucas palabras quedan debuxados os principais trazos da escura realidade global que estamos a vivir. Nese contexto é necesario situar o caso das dúas periodistas que este ano foron elixidas na XX edición do Premio Couso: Elahe Mohammadi e Nilufar Hamedi que non puideron acudir a Ferrol porque permanecen en arresto domiciliario á espera de ser xulgadas. As premiadas revelaron o caso de Mahsa Amini, que permaneceu en coma e despois morreu, tras ser detida pola policía da moral de Irán por levar supostamente o veo de maneira inadecuada.

As xornalistas foron detidas a finais de setembro de 2022 no curso duns disturbios e teñen prohibido entrar en contacto con medios de comunicación estranxeiros, motivo polo que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, non puideron tampouco transmitirlles directamente a concesión do galardón.

E xa que estamos a falar da liberdade de prensa, cuxa efeméride internacional celébrase hoxe, denunciar o clima que se está a vivir en España no que proliferan todo tipo de libelos dedicados a fabricar bulos e a facer da mentira verdade na estratexia do todo vale e canto peor, mellor.

Este fenómeno vén de provocar unha perigosa espiral de violencia verbal no que o insulto na súa versión máis obscena e procaz releva á forza da razón e converte ás cámaras representativas da soberanía popular nunha sorte de ring no que se compite por ver quen insulta máis alto e mellor, quen ofende máis alto e mellor, tirando dun vocabulario que supera o listón do máis repugnante fedor ao tempo que demostra a indixencia lingüística da oratoria política.

Sobran recursos na lingua e na semántica para expresar a discrepancia coa maior contundencia. Onde impera o insulto falta o argumento, onde impera o insulto non ten sitio a razón. Onde impera o insulto, impera a irracionalidade.

Reivindicamos, pois, a hixienización do discurso político, o exercicio dun xornalismo incómodo para os poderes sustentado no valores clásicos da veracidade e do rigor da mensaxe, reivindicamos a paz fronte as guerras e, finalmente apoiamos e solidarizámonos con aqueles profesionais que expoñen as súas vidas nos conflitos armados e naqueles países nos que a liberdade de expresión está perseguida ou é unha pura entelequia.

Germán Castro Tomé

Xornalista Fundador e Presidente de Honra do Club de Prensa de Ferrol