José Manuel Rey Varela nas Conversas no Parador
Os acordos entre partidos evitaron que houbese un goberno que desbloquease os grandes temas de cidade. O Convenio con Defensa está asinado desde hai oito anos por un goberno municipal democrático.
Neste luns 4 de xullo o deputado do parlamento de Galicia e portavoz do PP no concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela participou nas “Conversas no Parador” que ven organizando o Club de Prensa de Ferrol no Parador de Turismo de Ferrol desde o ano 2016.
José Manuel Rey Varela estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta de Galicia, Martina Aneiros, o presidente da Autoridade Portuaria, Francisco Barea, a senadora do PP, Verónica Casal, concelleiros do PP, directivos e presidenta do Club de Prensa de Ferrol, e numerosos invitados, entre os que figuraba a deputada constituínte Nona Inés Vilariño.
Na súa intervención José Manuel Rey Varela, cunha longa experiencia na xestión de goberno dada a súa condición de ex-Alcalde de Ferrol, Ex-Conselleiro de Política social da Xunta de Galicia, e presidente da FEGAMP, fixo un amplo percorrido polos últimos anos da política municipal de Ferrol, advertindo aos presentes que “hai persoas que pensan no novo curso político, pero antes hai que finalizar o actual e antes de facer anuncios hai que escoitar aos veciños”, porque segundo sinalou “os veciños son os mellores asesores que pode ter calquera político”. Engadindo que “Os ferroláns están pedindo acordos e realidades e despedir a crispación”.
Rey Varela, continuou a súa intervención facendo un canto á cidade ferrolán como o lugar para el mais importante, “unha cidade con enormes potenciais como un gran Porto, Asteleiros, Barrio da Madalena, zona rural, a Semana Santa, As Pepitas o Pantín Clásicc, Equiocio,...” para rematar lembrando á definición de Torrente Ballester como “Ciudad lógica en un lugar mágico”.
Tamén destacou a capacidade dos ferroláns para superar a adversidade e as posibilidades de futuro da cidade, lembrando que nas últimas eleccións municipais "propuxen un cambio para evitar a parálise na que se atopaba a cidade" para o que propuxo un goberno estable, con experiencia e capacidade de xestión e a pesar de ser os máis votados, "os acordos entre partidos evitaron que houbese un goberno que desbloquease os grandes temas de cidade", mostrándose agradecido polos máis de 14.000 votos recibidos nas eleccións municipais de 2019. Unha campaña baseada nun proxecto ambicioso para Ferrol, e o resto de partidos políticos en lugar de falar dos seus proxectos “solo dicían que si non saía alcalde íame marchar de Ferrol”. Agora, tres anos longos despois “gustaríame que esas persoas pediran desculpas, porque o que lograron foi poñerse de acordo nun minuto, co pacto que levou a Mato a alcaldía, para logo estar en desacordo todo este tempo” porque segundo Rey Varela, "este pacto de goberno está baseado nun enfrontamento e non se constrúe nada". Tamén sinalou que tras o resultado electoral ofrecera un acordo de 20 concelleiros, os 12 do PP e os 8 do PSOE, “logrando unha estabilidade que a cidade necesita, pero rexeitárono”, e criticou ao goberno ferrolán porque “non é quen de facer acordos”.
A negativa ao Plan de Mobilidade
Tamén se referiu ao voto negativo do PP no pleno municipal do pasado xoves que, sumado á abstención do BNG, facía que o Plan de Mobilidade presentado polo goberno municipal non se puidese aprobar. José Manuel Rey Varela afirmou que na súa proposta “había aparcadoiros, e aparcadoiros disuasorios e propoñíase ampliar as liñas de transporte urbano, mentres que no plan presentado eliminábase o aparcadoiro na Magdalena, e tampouco había aparcadoiros disuasorios”, polo que se chegase a votar afirmativamente a esa proposta “estaría a traizoar aos ferroláns, porque sería algo contrario ao que presentei ás eleccións”.
Ao mesmo tempo, Rey Varela subliñou que o seu grupo municipal tiña doce concelleiros e as tres formacións de esquerda suman trece, polo que non entendía as críticas do goberno municipal á negativa do PP, "porque un principio básico da democracia é a alternativa e estamos a ver como o goberno municipal está a atacar publicamente á oposición".
Declarou tamén que o PP participou nas mesas de traballo do Plan de Mobilidade propostas polo goberno municipal, recoñecendo que se resistía a que o centro de Ferrol fose peatonalizado integramente, e que non se podía poñer como exemplo Pontevedra, porque “entre a Praza de España e o peirao hai 1,8 quilómetros lineais e Pontevedra é un centro histórico tres veces máis pequeno”.
O problema do emprego
Referente a este tema declarou que o emprego é a principal preocupación dos ferroláns, porque actualmente hai 4.400 parados na cidade, cunha taxa de paro do 22,4%, “a máis alta de España”. Un dato preocupante para o presente e o futuro, e máis si lembramos que en 2019 era do 15,4%. Por outra banda sinalou que a taxa de actividade “é a máis baixa de España, co 49,1%”.
Neste tema, Rey Varela sinalou o traballo realizado nestes últimos anos pola Xunta de Galicia “que está a facer un esforzo para que as empresas instálense na cidade”, e referiuse a Autoria Autoridade Portuaria “que vai instalar unha empresa na contorna do Porto Exterior, porque non hai máis chan industrial na cidade”, referíndose á de Nervión con 25 millóns de euros de investimento e 300 postos de traballo para destinalos ao traballo da eólica mariña, lembrando que fai oito anos “púñanme verde por esta aposta e agora é toda unha referencia”.
José Manuel Rey Varela postulaba que o Concello de Ferrol participara en proxectos tractores para a esperanza nun futuro e para o emprego, polo que considera necesario dotar á cidade de chan industrial e participar nas políticas de emprego iniciadas pola Xunta e a Autoridade Portuaria, engadindo que as empresas que queiran facer a súa actividade na cidade “necesitan facilidades, e o Concello de Ferrol debe reducir o tempo dos trámites burocráticos, outorgando licenzas acorde á lei, en dous meses e sen silencio administrativo”.
Nesta liña criticaba ao goberno municipal pola falta de concesión da licenza municipal a Navantia para facer o taller de subloques dotado de 100 millóns de euros, as licenzas para a rehabilitación de Ferrol Vello, con dez millóns de euros ou a licenza para realizar a residencia de maiores. Para poder facer isto “hai que facer un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal”, un proxecto que o popular iniciara en 2014 e “leva oito anos nun caixón”. Se o goberno municipal “ten preocupación polo emprego, hai que baixar os impostos”, polo que hai que adaptar a realidade da cidade ás arcas municipais, porque se está a recadar mais do que se gasta.
Convenio co Ministerio de Defensa
José Manuel Rey Varela, lamentou que por “discusións partidistas” non se puidese materializar o convenio co Ministerio de Defensa que, sendo el alcalde, asinara facía oito anos e “é válido, e só fai falta desenvolvelo”, criticando que os dous últimos gobernos municipais, "estiveron dándolle voltas coma se fose unha noria". Engadindo que se estivese desenrolado “xa habería chan industrial en Mandiá, poderíase retranquear a estación do ferrocarril e permitir a chegada da AVE á cidade, como tamén un bo aparcadoiro no Sánchez Aguilera ou instalacións turísticas en Covas ou Doniños”, polo que lamentaba que este convenio “vaia a converterse nunha estratexia electoral de última hora, facéndolle algún cambio para logo criticar que o PP o bloquea”, e anticipou que no caso de que esta estratexia electoral se levara a cabo, a súa formación non se abstería na votación, porque é “o principal proxecto urbanístico da cidade no últimos vinte anos”, lembrando que o convenio co Ministerio de Defensa “está aprobado de maneira democrática no pleno municipal”, criticando ao goberno municipal por gobernar “con aqueles que non cren nun convenio co Ministerio de Defensa”.
Pacto de Estado por Ferrol
Outro tema interesante era o estado do Pacto de Estado por Ferrol “que non conta co apoio do Concello”, lembrando que Ferrol tiña “unha diferenza importante” coas outras grandes cidades galegas e era que “Ferrol é moi dependente do Estado” e na actualidade conta con 6.000 vivendas baleiras e 400 baixos baleiros na Magdalena.
En Política Social, Ferrol conta con "a taxa de risco de pobreza máis alta de Galicia", cun 27%, e ademais de habería que eliminar a lista de espera do servizo de axuda no fogar “pero na actualidade hai 537 persoas na lista de espera”, polo que “habería que ser eficaces, xa que os maiores non son un problema, son unha oportunidade e non podo entender isto”. Engadindo que non entendía como Ferrol perdeu 1,2 millóns de euros de financiamento nesta materia, como tampouco entendía o peche dos tres comedores senior "e que se lle desen menos recursos á Política Social", lembrando o proxecto da residencia de maiores en O Boial “a maiores da que se fará en O Bertón”, aínda que non esperaba que o goberno municipal avanzase nestes proxectos no próximos nove meses.
Problemas na xestión municipal no día a día
Rey Varela tamén fixo referencia aos problemas do día a día no Concello de Ferrol. Unha cidade que “ten que estar mellor iluminada, ser máis verde e que isto non sexa un problema”, lembrando que a maquinaria de limpeza “está totalmente obsoleta”, cun proxecto de reforma de equipos “que deixara en marcha en 2015”. O problema do aparcadoiro non está só limitado á Magdalena ou Ferrol Vello, senón que tamén existen estes problemas en Esteiro, Ultramar ou Catabois, nuns barrios nos que hai parcelas “que non teñen utilidade”.
O saneamento de rural “empezouse a facer en 2014”, lembrando que nestes últimos meses "acusáronme de paralizalo", cando no seu mandato “investíronse 40 millóns de euros en saneamento, levantouse a cidade para instalar grandes tubos, a pesar de todos os inconvenientes para os veciños”. Un goberno municipal “ten que ter experiencia, capacidade de xestión e saber resolver os problemas”, e puxo como exemplo as folgas dos traballadores de parques e xardíns, dos traballadores da biblioteca municipal ou dos traballadores das instalacións deportivas municipais.
Ao mesmo tempo lamentou que a cidade leve sete anos “sen uns orzamentos aprobados a 1 de xaneiro”, lembrando que nos primeiros días desta lexislatura “comprometinme a facelos nunha semana se o goberno municipal non era capaz de facelo, pero non quixeron pactar co PP, senón que preferiron facelo con Ferrol en Común e BNG, non vaia a ser que lles quiten a alcaldía” lembrando que durante o seu mandato entre 2011 e 2015 realizáronse catro presupostos en catro anos, “algo que non pasara no vinte anos anteriores”.
O goberno local non esixe ao goberno central
As críticas de José Manuel Rey Varela tamén foron dirixidas ás relacións do goberno municipal co goberno central "xa que non esixen o que lle corresponde á cidade, cun silencio conformista do Estado", lembrando a negativa para realizar o AOR en Navantia Ferrol “porque coas fragatas só se chega ao 50% de ocupación laboral en Navantia”, cando hai fragatas “que teñen máis de trinta anos e necesitan unha transformación”, pero sen o dique “non hai presente e tampouco temos futuro, porque as nosas construcións non van ser competitivas”. E engadiu que o goberno municipal tamén tería que “elevar a voz, por non chegar a alta velocidade a Ferrol e quedar en Ourense, cando se prometeu que ía chegar á cidade”.
O estado das instalacións deportivas municipais
Na pasada semana o goberno municipal presentaba o proxecto de Cidade do Deporte, para reformar os pavillóns de FIMO, algo que o popular cualificaba como “propaganda”, porque na actualidade "chove nos pavillóns". E engadiu que “as instalacións deportivas municipais teñen o mesmo problema que as rúas”, lembrando que nos últimos tempos a cidade “perdeu competicións importantes por non ter instalacións homologables”, ademais de ver como equipos da máxima categoría “tivéronse que duchar en auga fría por non funcionar a caldeira”, unha mostra máis do deterioro dos servizos municipais que vai levar anos recuperar.
Xa respondendo a preguntas dos xornalistas presentes nas Conversas e referidas á súa posible candidatura ás eleccións municipais de 2023, Rey Varela, afirmou que esta decisión "tomarase cando toque", aínda que anticipou que non era partidario “de adiantar unha campaña electoral na cidade”, engadindo que antes de tomar unha decisión respecto diso, o popular quería preguntar ao resto de formacións políticas se “están dispostas a que goberne a lista máis votada ou facer un acordo previo antes das eleccións onde gobernen xuntas as dúas formacións máis votadas”.