José Manuel Rey Varela chega por segunda vez a alcaldía de Ferrol coa esperanza de “superar os bloques e os enfrontamentos”


Ferrol, 10 de outubro de 2023

O recentemente elixido Alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, inaugurou a oitava edición das Conversas no Parador que ven organizando o Club de Prensa de Ferrol no Parador de Turismo de Ferrol que dirixe José Antonio Cedena. O alcalde Rey Varela agradeceu a asistencia á delegada da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros; ao presidente da Autoridade Portuaria, Francisco Barea e á directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares referíndose a “unha unión de esforzos, na que xuntos chegaremos moi lonxe”.

Na súa intervención, o rexedor deixou patente que tiña “esperanza no presente e no futuro de Ferrol”, nunha etapa política co obxectivo de “superar os bloques e os enfrontamentos” na súa segunda etapa na alcaldía na que volve a contar con maioría absoluta “algo que non é normal na cidade, como o poder ter un goberno estable”, como tamén querer cumprir “co compromiso e coa palabra dada”.

Na súa intervención, Rey Varela insistiu en que desde a súa volta á alcaldía o seu goberno centrouse no urxente e “sentando as bases para o importante” e describiu os primeiros cen días como “o principio dos cambios dos vindeiros meses e anos”.

Primeiras medidas de goberno

O alcalde lembrou algunha das medidas que tomou nestes primeiros meses, como o fomento dos mecanismos de participación cidadá tras reabrir o Concello; a participación dos grupos municipais nas comisións informativas “que antes non tiñan periodicidade e agora estase cumprindo”, como tamén o inicio da reorganización interna do Concello de Ferrol, polo que espera que o novo regulamento de organización poida ser aprobado definitivamente nas próximas semanas.

A nivel social, José Manuel Rey Varela lembraba algunhas medidas tomadas para reducir a presión fiscal ás familias “onde non é tanto ou importe como é o xesto”, de baixar o imposto de plusvalías, e tamén reducir á metade o copago na modalidade de axuda no fogar de libre concorrencia, cando os ingresos son inferiores a 850 euros.

Reunión co Presidente da Xunta

O alcalde xa ten confirmada unha reunión a próxima semana co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda “onde levarei unha relación completa de necesidades para que moitas das actuacións poidan ser financiadas pola Xunta”. Tamén, segundo declarou, ten outra relación preparada para poder reunirse co futuro goberno do Estado en Madrid.

Orzamentos en tan só 60 días

Nos primeiros 60 días aprobábanse os orzamentos de 2023, nunha cidade “onde o habitual parece excepcional”, dándolle importancia a este documento “xa que o que non aparece nel, non existe a nivel de planificación de proxecto de cidade”, lamentándose de que a vixencia do mesmo só poida ser duns tres meses. Nestes orzamentos tamén vai incluída unha dotación para aumentar o persoal municipal nun millón de euros neste ano 2023, mentres que outro millón vai destinado a “pagar as débedas do ano anterior”. Unha vez aprobado o novo regulamento de organización interna “haberá prazas para direitivas”, aínda que a maioría de prazas que sairán “serán de funcionarios”, algo que terá continuidade nos orzamentos de 2024 “con máis prazas que en 2023”.

No apartado de investimentos, o rexedor lembraba a importancia de ter un orzamento por ano “para non ter que facer traballos a metade do mandato e que non de tempo a facelo todo” e nestes orzamentos de 2023 xa hai partidas para o saneamento da zona rural; a compra dos terreos para un novo centro de saúde e campo de fútbol en San Xoan; para o proxecto de abrir Ferrol ao mar; un aparcadoiro disuasorio na Graña; a reforma do centro cívico Carvalho Calero ou a Cidade do Deporte, entre outras actuacións. Isto permitirá “a licitación dos proxectos, que en moitos casos hai que redactalos. Logo ven a fase de financiamento e despois a licitación da obra, para así conseguir “a transformación da cidade nestes temas estratéxicos”.

Eliminación dos radares e axilización de licenzas urbanísticas

Outro dos temas que abordou Rey Varela, foi a eliminación dos radares nas rúas Terra e Rubalcava, como tamén a futura recolocación do radar da Malata. O alcalde insistía que o goberno “cre na seguridade viaria, pero non, no incremento da recadación de multas”, sendo esta a terceira fonte de ingresos do Concello de Ferrol, con 13.000 persoas sancionadas nas rúas da Terra e de Rubalcava a estas alturas do ano no ano 2023, “sendo o 40% dás multas da cidade”, mentres que na Malata está no proceso de “recolocación para que controle só un dous carrís e non os dous”.

Como xa anticipou na rolda de prensa de balance dos cen primeiros días, unha das próximas medidas do seu goberno será a ordenanza para a axilización das licenzas urbanísticas, algo que espera presentar aos grupos municipais “nos próximos días”, co obxectivo de atraer a particulares e empresas “que non se atopen cos trámites do Concello, que no canto de durar meses duran anos”, polo que é necesario que a administración municipal “non free ás iniciativas doutras persoas ou administracións”.

Problema coas infraestruturas e transporte público

As conexións de Ferrol co resto de España son unha das preocupacións do alcalde, lembrando que o tren de Madrid a Ourense tarda tres horas, mentres que o de Ferrol até A Coruña tarda unha hora e vinte minutos “isto e impresentable e ten que haber unha modernización”, cunha estación intermodal, onde Ferrol é a única das sete grandes cidades de Galicia que aínda non ten convenio para isto. Algo que ten que formar parte da axenda do goberno de España, porque tamén inflúe a nivel comercial, onde o Porto necesita estar incluído no corredor de mercadorías.

Nesta liña tamén está o problema co transporte público, onde a administración local ten competencias “pero o Concello ten uns recursos limitados”, cun servizo de autobuses “excedido”, debido principalmente a que o tren “non funciona e iso colapsa ou autobús”, polo que esperan poder dar unha resposta a este problema, pero o rexedor xa anticipaba que, por desgraza, non ía ser inmediato.

Estado do convenio co Ministerio de Defensa

José Manuel Rey Varela, sinalou que “coidaba que todos os trámites administrativos do convenio co Ministerio de Defensa xa estaban realizados polo goberno anterior, pero quedaban dous trámites pendentes como a publicación do convenio e o pago do segundo importe por parte do Concello”, polo que proximamente manterán unha reunión cun alto representante da administración do Estado “para falar do desenvolvemento do convenio e o que imos a facer en 2024”, coa axuda da Armada e do Ministerio de Defensa.

Neste reparcelamento das instalacións do Cuartel Sánchez Aguilera está a posible solución ao problema dos aparcadoiros na zona centro da cidade, como tamén dun plan de vivenda dos edificios que se constrúan.

O Senado

José Manuel Rey Varela tamén é senador por designación autonómica e defendeu o seu traballo na Cámara Alta, porque “a cidade de Ferrol, que é nada polo Estado, marcada polas decisións de Madrid, polo que os temas dos que hai que falar son importantes”, pondo como exemplo os temas de defensa nacional “na que a cidade xógase moito” na transformación de Navantia, na construción das F110 ou na transformación das F100.