José Gil da man de Manolo González no Ateneo de Ferrol
O venres 17 de febreiro e organizado polo Club de Prensa de Ferrol, tivo lugar no Ateneo de Ferrol a presentación dun libro a todas luces moi interesante no que queda reflectida a vida e “milagres” dun personaxe irrepetíbel, José Gil. A publicación en cuestión titúlase "Nos días encantados de agosto", e a súa autoría é de Manolo González, quizá un dos máis grandes eruditos cos que conta Galicia en materia cinematográfica.
O autor subliñou a curiosidade que supón ignorar no norte de Galicia o que acontece no sur e viceversa porque este personaxe, un avanzado para a época que lle tocou vivir, polo norte de Galicia é un descoñecido namentres está reivindicado con creces na provincia de Pontevedra, onde a semana que ven comeza un periplo por varias vilas e aldeas nun camión adaptado dende onde vanse proxectar varios documentais que filmou este cineasta por aqueles lares, seguindo o exemplo daquela experiencia teatral de García Lorca coa súa “Barraca”. Sen dúbida unha loable iniciativa que oxalá alcance as nosas latitudes.
Excelente introdución de Ánxeles Seoane que nos puxo en antecedentes do amplo currículo do autor da publicación, e de seguido Manolo González, secundado polas preguntas do xornalista Nicolás Vidal, fixo un ameno percorrido polas vivencias e avatares do protagonista.
Nado en Barxa (Rubiós, As Neves,1870) José Gil é un auténtico precursor do cinema na nosa terra, autor de moitos documentais que son unha referencia para coñecer a Galicia daquel tempo. Comezou como fotógrafo no Balneário de Mondariz ao que chegou avalado polo propietario Sr. Peinador, aval que tiña que ver cun favor que o pai de José Gil lle fixera ao dono do emblemático hotel. E dende Mondariz...ao mundo!