¡"FerrolAnálisis" cumpre 30 anos!
30 anos cumpre hoxe a publicación “FerrolAnalisis”, que edita o Club de Prensa de Ferrol, actualmente co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e a colaboración da Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol. Tres décadas é unha “eternidade” para unha revista destas características. Contidos, deseño, papel e imaxe conforman unha unidade que foi eloxiada por relevantes autoridades das áreas académica, intelectual e cultural.
Quen posúan a colección completa poden ter a seguridade de que atesouran unha xoia de inmenso valor bibliográfico, de consulta, con traballos de investigación, ensaio e divulgativos dun gran nivel, avalados por firmas de recoñecida solvencia. Tamén ha de terse en conta que toda a empresa pública da zona estivo implicada no seu financiamento, así como entidades de carácter privado.
É obrigado citar ao Comité Executivo e Consello de Redacción fundadores, integrado o primeiro por: Sol Elvira Rendueles, Manuel Nadales Castro, Javier Casqueiro Barreiro, Xulia Díaz Sixto e Bernardo Castelo Álvarez. O Consello de Redacción: Guillermo Llorca Freire, Xosé A. Ponte Far, Mario Couceiro Bescos, Augusto Pérez Alberti, Luís Mera Naveiras, Jaime Quintanilla Ulla e os membros do C. E. xa citados, baixo a dirección de Germán Castro, presidente do CPF. Algúns deles fican xa na nosa memoria.
Foron directores de FA ata hoxe, ademáis do director fundador Germán Castro, Xulia Díaz Sixto, actual presidenta, María Ares Sanmartín, José A. Ponte Far, José Picado Carballeira e Esperanza Piñeiro. Mención especial para o recordado Luis Mera Naveiras que nos últimos anos desenvolveu un labor determinante na continuidade da publicación.
Non hai que esquecer, por outro lado, que desde o número 4, a revista acompáñase dun “Caderno”, de contido fundamentalmente gráfico, que rompe coa densidade da principal publicación. Con motivo desta fausta efeméride, o Club de Prensa de Ferrol felicitase e expresa a súa firme intención de continuar adiante coa revista e caderno FA, contando co decisivo apoio das institucións xa citadas e anuncia que está en marcha o número 32.