Número 34
Velaquí unha nova entrega de Ferrol Análisis. Con ela acadamos o número 34 das publicacións manténdonos fieis aos principios fundacionais.
Fieis ao noso ser, a temática ferrolá constitúe o eixo no que se vertebran os contidos deste número, que desde a primeira páxina conxuga a expresión artística e luminosa de Mª José Leira coa sensibilidade poética de Julia Uceda, Filla Adoptiva de Ferrol, condecorada cos máis importantes premios das letras españolas, e Medalla de Prata ao Mérito Cultural da cidade.
O acontecer do presente tecendo a crónica dos días, simbolizado na pequena imaxe da portada, estanos a suxerir a icona na que se asenta a historia da nosa cidade no último terzo do século XX. O Monumento ao 10 de Marzo de 1972, obra de Xoán Xosé Braxe, parécenos a máis acaída testemuña dunha historia que encheu de memoria todos e cada un dos meses do pasado ano 2022, conmemorando o 50º Aniversario dos Sucesos de Marzo de 1972 en Ferrol. Desde a dimensión daqueles feitos na prensa internacional, até o coñecemento das publicación clandestinas no 10 de marzo do 72, pasando polo comportamento dos cregos da comarca, comprometidos na defensa dos máis elementais dereitos, e unha análise historiográfica da conformación dunha sociedade que desde diferentes sensibilidades participou activamente naqueles sucesos, súmanse, grazas á colaboración de prestixiosos autores e autoras, á abondosa información publicada destes feitos históricos.
Tamén, sen esquecer a nosa vocación aberta ao universal, o latexo ferrolán percíbese nos contidos deste número, como podemos observar nun percorrido pousado e atento polos diversos artigos que compoñen as súas seccións, e que a converten na máis extensa das publicadas até agora.
Son os froitos dun empeño colectivo que emprendemos, desde o Club de Prensa de Ferrol, hai pouco máis de trinta anos. Todo un soño editorial ao que foron sumándose autores e autoras, referentes nas súas especialidades, colaboradores gráficos e documentais, lectores e seguidores de Ferrol Análisis, que se foron convertendo nos principais valedores da publicación ferrolá.
Unha publicación que hoxe por hoxe está a figurar nos andeis de numerosas bibliotecas do país, para servir de fonte de reflexión e coñecemento dos nosos aconteceres na historia e na actualidade. Uns merecementos que son posibles grazas á significativa aportación dun Consello de Redacción profundamente implicado na edición de cada número da nosa revista, que con tanta sabedoría e experiencia dirixe a historiadora Esperanza Piñeiro de San Miguel.