Número 33
Nestes tempos de tránsito cara unha aparente normalidade, desde o Club de Prensa de Ferrol, conscientes dos efectos salvadores da cultura, agradecemos moi sinceramente ao Consello de Redacción desta revista a súa dedicación e compromiso para ofrecernos esta nova edición de Ferrol Análisis, que da man de 35 autores de saberes varios e contrastado prestixio responderon xenerosamente a súa chamada.
O número 33 de Ferrol Análisis é todo un fito tanto na historia do mundo editorial ferrolán, como na do Club de Prensa de Ferrol que, fundado en 1987 por un colectivo de entusiastas xornalistas, botou a andar en 1990. E tamén como naquela primeira entrega, a temática ferrolá constitúe o eixo no que se vertebran os contidos deste número que se abre cunha fermosa guía que, en prosa poética, nos invita a camiñar pola cidade das luces.
O Ferrol da Ilustración reactualízase ao revisar o inmenso legado histórico, cultural e patrimonial que nos ten deparado: a obra do enxeñeiro Comerma; os diferentes e importantes arquivos cos que conta Ferrol; o recente recoñecemento oficial ao arquitecto Rodolfo Ucha Piñeiro como Fillo Adoptivo de Ferrol, así como os inicios da escola para todos no Ferrol decimonónico, amais doutros artigos, móstranse nesta revista co rigor e o filtro do tempo e a investigación.