Número 32

As figuras de Ricardo Carvalho Calero e de Concepción Arenal que apreixan esta revista de FerrolAnálisis simbolizan o eixo vertebrador das actividades do Club de Prensa de Ferrol para este ano 2020.

As letras galegas como homenaxe a D. Ricardo Carvalho Calero e o 200 Aniversario do nacemento de Concepción Arenal, como alicerces dun traballo ilusionado que emprendemos para celebrar e agradecer a súa inmensa achega ao mundo da cultura e do pensamento liberador, desde a súa condición de ferroláns.

Dúas personalidades tan fecundas e extraordinarias que en correspondencia ao seu legado precisaron ampliar os marcos desta edición de FerrolAnálisis. Un exemplo disto é o libro RCC. O Carballo que fun en Ferrol. Aproximación a Ricardo Carvalho Calero que concibido como separata de FA, foi presentado o 26 de febreiro.

Por outra banda o 23º Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez que baixo o título “Muller e igualdade: vixencia de Concepción Arenal” íase celebrar no Campus de Ferrol da UDC, na primeira semana do mes de xullo, houbo de suspenderse pola pandemia da Covid 19, aínda que non desbotamos que algunhas das comunicacións previstas poidan ser acollidas no vindeiro número de FA.