Número 31

Nuns tempos nos que ao dicir de importantes referentes no mundo do pensamento e das humanidades como Martha C. Nussbaum, Adela Cortina ou Nuccio Ordine, os cidadáns estamos a perder o exercicio intelectual en aras dun pretendido utilitarismo, e todos eles coinciden na urxencia dunha educación humanística baseada no pensamento crítico e na autocrítica que favoreza a saúde das democracias actuais, incorporando nos programas o ensino de materias humanísticas, o feito de ofrecer desde estas páxinas abondosos traballos intelectuais que coidamos van na liña destas ideas, reafírmannos na pertinencia e na continuidade dos principios fundacionais do Club de Prensa de Ferrol, ó abeiro do cal en 1990 naceu FerrolAnálisis.

Procura da reflexión metódica, transparencia, liberdade de pensamento... Velaí os eixos polos que segue a transitar este Consello de Redacción que se aprecian neste nova entrega de FerrolAnálisis. Un Consello que ao tempo que agradece aos escritores o esforzo, rigor e aportación dos seus traballos, manifesta a súa gratitude a colaboradores gráficos e artísticos, así como aos lectores e seguidores pola súa participación activa e comprometida na divulgación e propagación da nosa revista. Unha publicación que non poderíamos soster ao longo destes 31 números sen o mecenado institucional e continuado da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial da Coruña.

Grazas a todos eles fomos artellando este, no dicir rosalián, “Caravel de caraveis” no que podemos afondar para percorrer lugares, feitos históricos e circunstancias sociais e políticas que nos foron conformando no tempo.