Defende A Galega recibe no Teatro Jofre o XV Premio José Couso de Liberdade de Prensa
Os comunicadores da CRTVG Tati Moyano e Carlos Jiménez, en representación de Defende A Galega, recolleron hoxe en Ferrol o XV Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. Jiménez asegurou que a de Defende A Galega "é unha reivindicación de toda a sociedade, e este premio é unha forma de visibilizala".
Tati Moyano e Carlos Jiménez, dous profesionais da Compañía de Radiotelevisión de Galicia expedientados tralo seu apoio aos venres negros participaron esta tarde nunha conferencia de prensa posterior á recepción institucional no Concello de Ferrol en representación de Defende A Galega, XV Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Os comunicadores estiveron acompañados pola presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto; o decano do CPXG, Francisco X. González Sarria; e o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez.
Carlos Jiménez salientou que a súa presenza en Ferrol non é "como individuos sino como representacion de moita xente veu ao Jofre e outra que está a traballar". A de Defende A Galega, nas súas palabras, "é unha reivindicacion de toda a sociedade, e este premio é unha forma de visibilizala".
Moyano, pola súa banda, agradeceu o premio "porque é o recoñecemento a un cadro de persoal que todos os venres reclama que se cumpra a Lei de Medios de 2011, coa creacion dun Consello de Informativos que garanta a liberdade de informacion". "Os medios públicos", asegurou, "son os medios de todos os que queremos estar informados, que é un dereito fundamental". Neste sentido, realizou un balance positivo dos venres negros, que este Día da Liberdade de Prensa fan o número 50, "por ser un símbolo de unidade".
OFRENDA FLORAL ANTE Á CEIBES NO CANTÓN DE FERROL
Ás 19:00 horas realizouse a tradicional ofrenda floral na estatua "Ás Ceibes" de Manuel Patinha, situada no Cantón de Molíns, onde Sabela Direito, representante das novas xeracións de xornalistas, deu lectura ao manifesto do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa, redactado por ela mesma, que chama a "arrincar a esperanza dos brazos do conformismo" contra "unha práctica que conserva o nome" do xornalismo, "pero que nada ten que ver nin cos principios, nin cos valores da profesión mesma".
ACTO NO TEATRO JOFRE
Xa as 19:30 horas, o Teatro Jofre acolleu o acto de entrega do galardón, conducido pola comunicadora Rebeca Collado. No transcurso da gala, a xornalista Patricia Hermida deu lectura a un texto realizado en nome do Club de Prensa de Ferrol, que reivindica un xornalismo valente e feminista. A continuación, Tati Moyano e Carlos Jiménez recollerán o galardón desta XV Edición do Premio José Couso, outorgado a Defende A Galega, de mans de Francisco X. González Sarria, decano do Colexio de Xornalistas, e Xulia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa de Ferrol. Tras a entrega, tivo lugar o tradicional Concerto da Liberdade, nesta ocasión a cargo do grupo Petit Swing.
A CANDIDATURA PREMIADA
O 25 de maio de 2018, traballadores e traballadoras da Televisión de Galicia e da Radio Galega comezaban a vestir os venres con camisolas negras, iniciando unhas mobilizacións que están a piques de facer un ano e que se popularizaron a través dos cancelos #DefendeAGalega e #VenresNegros. Con elas, queren chamar a atención sobre a manipulación informativa, o desmantelamento dos medios públicos e as dificultades crecentes para desenvolver o traballo con criterios profesionais.
Defende A Galega sumase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017) e Julia Otero (2018) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das "Ás Ceibes".
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.