"Conversas no Parador" con Goretti Sanmartín


Ferrol, 21 de marzo de 2018

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, na súa intervención nas "Conversas no Parador", defendeu os "cambios profundos" desenvolvidos neste goberno pola Deputación da Coruña, en especial, a aprobación do Plan Único que responde os principios da autonomía dos concellos, simplificación administrativa, axuda á débeda e tamén a provedores e a través do que se investiron 31 millóns na comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal, 17 no 2017 e 14 xa de saída para o 2018, unha cantidade que se incrementará ao longo do ano.

Ao redor do novo modelo de xestión, Goretti Sanmartín destacou tamén a redución de subvencións nominativas e o incremento da cantidade que se distribúe a partir das de concorrencia competitiva. Lembrou tamén que un dos eixos fundamentais da acción de goberno diríxese á creación de emprego e, nese sentido, promoveuse a contratación para dotar os concellos de persoas técnicas e animadoras culturais, de persoal para os museos e centros de interpretación, para atención turística ademais de, na área de Servizos Sociais, fortificar os servizos básicos comunitarios, dedicando máis de 1.600.000 euros aos concellos de menos de 20.000 habitantes da comarca.

No mesmo sentido, Goretti Sanmartín destacou que a Deputación dobrou a cantidade investida na Rede Cultural, pasando os dous millóns de euros na actualidade nun circuíto que move máis de tres millóns de euros que repercuten na vitalidade do sector cultural.

COMPROMISO PARA RECUPERAR O PAZO DE MEIRÁS

Goretti Sanmartín explicou tamén na súa intervención que ten "esperanza" de que o sólido informe xurídico encargado pola Deputación da Coruña ademais do "clamor social" e a unanimidade conseguida por todos os grupos que teñen representación no pleno augure un futuro optimista "para quen defendemos que o Pazo ten que pasar a formar parte do patrimonio público"

A preguntas de xornalistas, a vicepresidenta da Deputación da Coruña sinalou que espera que desde o Estado "insten a anular o contrato de compravenda do no 1941, que foi simulado, como defende o estudo, e actúe de oficio para recuperar o Pazo". Neste sentido lembrou que o venres 23 de marzo se debaterá no pleno a moción que conta co apoio, xa anunciado, de todos os grupos con representación na que se insta ao Estado a exercitar as accións administrativas e xudiciais oportunas para os efectos da recuperación de oficio para o Patrimonio Público do Pazo de Meirás. "Por primeira vez temos unha base xurídica para recuperar a dignidade e a memoria, cun símbolo que se identifica tamén coa impunidade do franquismo e ou esquecemento dás súas vítimas".

Neste sentido lembrou que desde a Deputación da Coruña impulsouse o proxecto "Xeración Perdida" para recuperar a memoria das corporacións represaliadas polo franquismo e fíxose unha homenaxe, presidida polos retratos de López Bouza e Ánxel Casal, que lembrou ás vítimas da represión.