Conversas no Parador co Xerente de Xestión Integrada da Área Sanitaria de Ferrol, Anxo Facio
Falar de Sanidade con todo o que iso comporta: atención primaria, hospitalaria, listas de espera, plans e proxectos, etc, co responsable da Área Sanitaria de Ferrol, Anxo Facio, é unha oportunidade que non se presenta todos os días. E falouse de moitas cousas, algunha delas bastante suxestiva como foi a noticia de ir na procura dun "Campus de Saúde" en conivencia directa coa Universidade xa que o Hospital Arquitecto Marcide é universitario e alí estanse formando moitos especialistas.
O xerente falou da necesidade de mellorar as infraestruturas, das reformas en varios Centros de Saúde e da construción doutros novos, de humanizar os servizos, do importante que é o entendemento entre a atención primaria e a hospitalaria e que os pacientes comprendan que non é fácil nin moito menos, xestionar unha atención sanitaria universal. Esgrimiu unha defensa sen concesións da sanidade pública deste país, un exemplo de servizo e eficacia diante doutros modelos europeos.
Na foto, o director do Parador José Antonio Cedena, Anxo Facio e Xulia Díaz, presidenta do Club de Prensa.