As xornalistas iranianas Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi gañan o XX Premio José Couso de Liberdade de Prensa
Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi, xornalistas iranianas coñecidas por informar do caso de Mahsa Amini e condenadas a prisión polas súas informacións, son as gañadoras da XX Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, coa colaboración do Concello de Ferrol.
O Concello de Ferrol acolleu esta mañá o anuncio da candidatura gañadora da vixésima edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, que ademais conta coa colaboración do concello ferrolano. O acto contou coa presenza de Francisco X. González Sarria, decano en funcións do Colexio de Xornalistas; Julia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa de Ferrol; Darío Janeiro Pereira, secretario do Premio José Couso, e José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol.
O secretario do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, Darío Janeiro, deu lectura á acta da resolución do premio. A semana pasada, nun acto que tivo lugar en Santiago de Compostela, procedeuse ao reconto dos votos emitidos, o cal foi supervisado polo notario José Ignacio Feijoo Juarnos, do Ilustre Colexio Notarial de Galicia, quen deu fe do reconto na acta número 202 do seu protocolo. Feito o reconto de votos validamente emitidos, resultou gañadora a candidatura das xornalistas iranianas Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi.
O entorno das xornalistas informou á organización da absoluta imposibilidade de tan sequera falar con elas para facerlles chegar a concesión do galardón, por medo a que sufran represalias se manteñen algún tipo de contacto con organizacións de xornalistas no exterior. Desde a organización exixiuse ao goberno de Irán que garantan a seguridade de Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi, e cesen a continua persecución que están a sufrir nese país as xornalistas e as mulleres en xeral.
Na súa intervención, o secretario do premio lembrou que este certame, do que se cumpren 20 anos, naceu “cunha dobre intención: non deixar caer no esquecemento o asasinato de José Couso e de Taras Protsyuk, e recoñecer e reivindicar o labor que fan os profesionais da información”. Quixo aproveitar para agradecer a todas as persoas e entidades que apoiaron desde o seu inicio este premio, nomeadamente ao Concello de Ferrol, e sobre todo, á familia de José Couso.
Sinalou tamén que as catro candidaturas desta edición (Wael Al-Dahdouh, Pablo González, Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi e Fran Sevilla) son un fiel reflexo da situación mundial da liberdade de prensa en lugares como Gaza, Ucraína, Irán ou mesmo a propia Unión Europea. De aí que este galardón sexa "unha chamada de atención anual" que demostra "que os motivos que nos levaron a crear este premio seguen estando vixentes".
Os convocantes do premio quixeron expresar o seu apoio para a familia e a coordinadora de xornalistas e amigos que manteñen vivo o caso de Pablo González, así como lembrar, como en todas e cada unha das edicións anteriores, que os asasinos de José Couso e Taras Protsyuk seguen impunes. No acto tamén interviron a Presidenta do Club de Prensa e o Decano en funcións do Colexio de Xornalistas, quen amosaron a súa satisfacción por poder celebrar o vinte aniversario do premio cuns candidatos de recoñecida traxectoria pola defensa da liberdade de prensa. Julia Díaz dixo que “xa son 20 anos nos que estamos lembrando a José Couso” coa celebración deste premio. Pola súa parte Francisco X. González Sarria agradeceu ao Concello a súa implicación co certame e recordou que o asasinato do camarógrafo ferrolán segue sen esclarecerse “como tampouco está esclarecida a situación legal de Pablo González”.
O acto pechouno o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, quen recoñeceu o traballo de todos os candidatos e parabenizou as gañadoras, así como ao Colexio e ao Club de Prensa pola organización do premio, e lembrou que "para a cidade é importante manter o recordo de José Couso".
A candidatura premiada
Nilufar Hamedi (Babol, 1992) é unha xornalista do diario reformista iraniano Shargh. O 16 de setembro de 2022, conseguiu acceder ao Hospital Kasra de Teherán, onde se encontraba en coma a moza de 22 anos Mahsa Amini, logo de ser detida pola policía da moral por levar supostamente o veo de maneira "inadecuada". A foto que Hamedi sacou dos pais de Amini abrazados no hospital fíxose viral durante as protestas que sucederon á morte da moza.
Pola súa banda, Elaheh Mohammadi (Teherán, 1986) é reporteira de sociedade e temas femininos no xornal Ham-Mihan. En setembro de 2022, trasladouse a Saqqez para cubrir o funeral de Mahsa Amini e informou sobre o ataque da policía durante as honras fúnebres. A finais de setembro dese ano, ambas as dúas foron detidas no contexto dos disturbios que sacudían o país. A Elaheh Mohammadi aplicóuselle unha pena total de doce anos: seis por colaboración con Estados Unidos, cinco por conspiración contra a seguridade nacional e un por propaganda contra a República Islámica. Pola súa banda, Nilufar Hamedi foi condenada a trece anos: un máis que a súa compañeira por colaborar cos Estados Unidos, e a mesma sentenza polos outros dous delitos. As dúas foron encarceradas na prisión de Evin, coñecida por acoller a meirande parte de disidentes iranianos en prisión.
O pasado 14 de xaneiro, tras numerosas protestas, foron postas en liberdade baixo fianza logo de pasar entre reixas 15 meses, pero coa prohibición de deixar o país ou exercer a profesión. Ao día seguinte da súa liberación, foron denunciadas por non levar o veo.
Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi súmanse así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Marcos Méndez (2023), Érika Reija (2022), Manuel Rico (2021), Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar(2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson(2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’ do escultor Manuel Patinha.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.