Ánxela Loureiro presentou os seu libro “ OS MAIOS EN CANIDO. CANIDO EN MAIO”


Ferrol, 21 de decembro de 2021

No salón de actos do Centro Cívico de Canido, diante dun fermoso mural no que o autor Eduardo Hermida recrea as singularidades do barrio alto, tivo lugar o martes 21 de decembro a presentación do Caderno nº 33 de Ferrol Análisis “Os Maios de Canido. Canido en maio” obra da escritora Ánxela Loureiro, que edita o Club de Prensa de Ferrol coa colaboración do concello de Ferrol e a Deputación Provincial da Coruña.

Acompañada polo concelleiro de cultura do concello de Ferrol, Antonio Golpe, pola directora de publicacións de Ferrol Análisis, Esperanza Piñeiro de San Miguel e da presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz, o numeroso público asistente e a autora, foron percibindo as favorables impresións que o Caderno estaba a procurar entre os participantes na presentación.

Abriu a quenda de intervencións Xulia Díaz quen agradeceu a Ánxela Loureiro a colaboración co Club de Prensa de Ferrol para editar o seu traballo nun formato de caderno que recolle desde a orixe dos maios en Canido e as diversas etapas da celebración da festa dos maios, que se foron sucedendo ao longo dos anos, ata a actualidade. Un caderno no que describe tamén, como ao longo do tempo foi acadando as súa propias características, conformando unha tradición que forma parte do Patrimonio Cultural Inmaterial de Ferrol.

A directora de publicacións de Ferrol Análisis, Esperanza Piñeiro de San Miguel, fixo referencia a orixe da festa dos maios en Galicia como festa de primavera e flores, unha festa que en Ferrol e concretamente en Canido “ten as súas propias características; unha tradición que é parte do Patrimonio Cultural Inmaterial de Ferrol, e que Ánxela recolle e preserva por escrito para dar a coñecer a xeracións futuras” para engadir logo que “nestes textos e compilación gráfica queda reflectida a historia de Canido. Un barrio rico en actividades culturais e lúdicas, que hoxe vive un momento doce, que sabe renovarse, decorarse coas cores das Meninas que florecen cada ano nas súas paredes”.

Foi Ánxela Loureiro quen tras unha rigorosa e documentada exposición de como foi investigando a orixe e circunstancias da celebración dos Maios en Canido, na que acudindo as escasas fontes documentais escritas, e coa axuda de numerosas fontes orais procedentes de entrevistas cos veciños participantes nas celebración dos maios, así como nas información xornalísticas que foi consultando, avaliadas cunha abondosa e fermosa mostra fotográfica de orixe privado familiar, conseguiu enxergar unha documentada historia da que foinos relatando os antecedentes e os diversos xeitos de celebración no decurso dos anos dos Maios en Canido.

Ánxela Loureiro mostrou aos asistentes un fermoso libro, con numerosas fotografías e ilustracións de Mercedes Fernández, que é todo un agasallo para os lectores e seguidores dos estudos etnográficos, como sinalou o concelleiro de cultura Antonio Golpe, quen destacou “a importancia que para o barrio de Canido e para Ferrol ten esta aportación a historia que nos ofrece Ánxela Loureiro.