“Ángeles Alvariño. Aproximación ao rostro humano da oceanógrafa ferrolá”, tema co que Germán Castro, clausura a 23ª edición do Curso “Carlos Gurméndez”


Ferrol, 08 de xullo de 2022

Presentado pola profesora e creadora artística Mª Jose Leira, sobriña de Ángeles Alvariño, que salientou aspectos destacados tanto do libro como da relación que mantivo con Germán Castro para aportar información e documentación da súa parente, Mª José Leira aludiu á extraordinaria aportación que a obra de Man Castro ofrece para dimensionar a figura da oceanógrafa ferrolán.

Despois, o poñente Germán Castro salientou que Ángeles Alvariño foi obxecto dun libro que edita o Club de Prensa co que se reivindica o papel que a finais dos anos oitenta e principios dos noventa desempeñou no seu afán de rescatar a figura da eminente oceanógrafa “cando se daba a circunstancia de que era, a pesar do seu prestixio internacional, unha perfecta descoñecida en España e, particularmente, na súa cidade natal”.

Na súa exposición, Man Castro destacou a versión humana, xunto con aspectos biográficos da científica ferrolá, sen descartar os seus éxitos como investigadora no campo da oceanografía, traxectoria na que destacan as 22 especies do plancto mariño por ela descubertas. No aspecto profesional marcou a folla de ruta que seguiu A. Alvariño que tras gañar praza no Instituto Español de Oceanografía, decidiu acollerse a becas o que lle permitiu traballar en laboratorios de Inglaterra para acabar asentándose en Estados Unidos.

Puxo de manifesto, así mesmo, o papel do seu marido o oficial da Mariña, Eugenio Leira Manso, que sacrificou a súa carreira para favorecer as metas que se propuxo a súa consorte. “A filla da oceanógrafa, Ángeles Leira, manifesta nunha entrevista que aparece no libro “Ángeles Alvariño. Mi estela en los océanos”, que sen o concurso do seu pai, a súa nai non lograría os retos que chegou a conquistar ate ser recoñecida mundialmente como unha das mellores expertas no estudo de microorganismos mariños”, precisou o poñente.

Man Castro rematou lembrando a orla de premios que adorna a traxectoria de Ángeles Alvariño González, falecida en maio de 2005, cuxas cinzas foron espalladas nas augas do mar de Doniños e outra parte na tumba dos avós en Serantes.