Ampliado até o 17 de abril o prazo para votar no XVI Premio Couso


Ferrol, 02 de abril de 2020

Debido á actual situación provocada pola crise da COVID-19, a comisión do XVI Premio José Couso de Liberdade de Prensa decidiu ampliar dúas semanas o prazo para escoller a candidatura gañadora do XVI edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Até o 17 de abril ás 14:00 horas os colexiados e colexiadas do CPXG e as socias e socios do Club de Prensa de Ferrol poderán votar entre as candidaturas de Mavi Doñate, Fernando Garea e Lorenzo Milá.

Mavi Doñate, Fernando Garea e Lorenzo Milá son as candidaturas propostas para esta XVI edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Todos eles distinguíronse pola súa defensa da liberdade de prensa e foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación.

Até as 14:00 horas do 17 de abril, os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar co seu usuario e contrasinal na parte privada da web. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a esta dirección, indicando os seus datos (nome, numero de dni e numero de socio). O fallo do xurado darase a coñecer nunha rolda de prensa.

Os Candidatos

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.

Conversas no Parador · 18 mayo 2016

Fernando Garea Baragaño

(Madrid, 1962), xornalista especializado en crónica parlamentaria, ten unha longa traxectoria en numerosos medios. En xullo de 2018 foi proposto polo goberno de Pedro Sánchez para presidir a Axencia EFE. Un ano e medio despois, en febreiro de 2020, o Secretario de Estado de Comunicación comunicáballe a súa destitución. No sector dos medios eran coñecidas as súas diferencias con algunhas directrices que chegaban desde o executivo á axencia.

Licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, comezou a traballar en Diario 16 e posteriormente foi cronista parlamentario no xornal El Mundo e no diario Público, participando no equipo fundacional de ambos os dous xornais. De 2008 a 2017 foi correspondente parlamentario no diario El País, posto que abandonou tras desencontros co seu entón director Antonio Caño, sendo relegado á sección de reportaxes en 2017. En setembro do mesmo ano anunciou que deixaba o Grupo Prisa tras nove anos de traballo "para seguir escribindo de política e Parlamento" e que se incorporaba a El Confidencial como adxunto ao director. Tamén foi colaborador tertuliano en diferentes debates políticos como Hoy por Hoy, Las mañanas de Cuatro ou El Programa de Ana Rosa.

En xullo de 2018 anunciouse que sería proposto polo goberno de Pedro Sánchez para presidir a Axencia EFE en substitución de José Antonio Vera. Garea pediu perdón en abril de 2019, en nome da Axencia EFE, aos exiliados e represaliados da Guerra civil española por ignoralos cando a axencia era un instrumento de propaganda. En febreiro de 2020, Pedro Sánchez destitúe a Fernando Garea como presidente da Axencia EFE. O xornalista foi informado a través do Secretario de Estado de Comunicación, Miguel Angel Oliver. No sector dos medios eran coñecidas as súas diferencias con algunhas directrices que chegaban da Moncloa desde a Secretaría de Estado de Comunicación. Fernando Garea destaca ademais como un firme defensor do caso Couso.

Conversas no Parador · 18 mayo 2016

María Victoria Doñate Herranz

(Zaragoza, 1971), actual correspondente de TVE en Asia-Pacífico, mostra o seu saber informando de xeito absolutamente comprensivo para a audiencia e tendo unha disposición plena para o labor de correspondente nunha extensísima área xeográfica chea de problemas e conflitos moi específicos. Na actualidade, serve de liña informativa para todas as persoas interesadas na evolución do coronavirus, con epicentro na cidade chinesa de Wuhan.

Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Navarra, comezou a súa carreira profesional en medios como a Axencia EFE, o diario Heraldo de Aragón, Onda Cero e Radio Nacional de España. En 1997 incorpórase a Televisión Española coa creación de Canal 24 horas. Foi redactora da canle informativa até que comezou dous anos despois no Telediario, onde cubriu información de Interior e Tribunaos, Política, e xornalismo de Investigación. Desde 2008 foi reporteira da sección de Sociedad, onde se encargou da área de Investigación e Sucesos. Foi enviada especial a cumes de política de Seguranza e Inmigración no seo de la Unión Europea, a elección do Papa Francisco, catástrofes como os terremotos en Perú e Nepal, tifóns en Filipinas ou colaboradora nos programas dos encerros de San Fermín en Pamplona, entre outros. Entre 2013 e 2014, ocupa o cargo de subdirectora da área de Sociedad dos Servizos Informativos da TVE. Desde 2015 é correspondente en Asia-Pacífico de Televisión Española.

Compaxina o seu labor xornalístico coa docencia en universidades como a Autónoma de Barcelona ou a de Montevideo en Uruguay, ou con seminarios no Instituto de Radio Televisión Española. É tamén coeditora de libros de investigación y guións.

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.

Conversas no Parador · 18 mayo 2016

Lorenzo Milá Mencos

(Esplugues de Llobregat, 1960), ten unha longa traxectoria profesional como correspondente de TVE, onde ten cubertos diferentes acontecementos mundiais do mesmo xeito rigoroso e profesional. É un dos xornalistas que personalizan a mellor época de independencia do ente público como así o demostran os informativos que presentou en La 2 e en Telediario 2. Desde o 2014, é o correspondente en Italia, desde onde está a facer a cobertura profesional sobre o COVID-19.

Licenciado en Xornalismo pola Universidade Autónoma de Barcelona, a súa traxectoria profesional comezou co xornalismo deportivo en 1983 no diario Sport. Máis tarde colaborou con TVE en programas como El tiempo es oro, Juego de niños ou Plató vacío, despois do cal marchou a Londres para traballar en ScreenSport (o actual Eurosport). Regresou a TVE e de 1989 a 1994 traballou en deportes. En 1994 trasladouse a Madrid para traballar no informativo nocturno de La 2 Noticias. Neste período, foi o espazo informativo coñecido por ser o menos institucional e por ter un estilo moi persoal, polo que recibiu varios premios. Entre 2003 e 2004 foi correspondente adxunto na delegación de TVE en Washington. Posteriormente estivo no Telediario nocturno de La 1. En 2009 marcharía de novo a Washington de esta vez como correspondente principal. En 2014 trasladouse a Roma, posto no que está actualmente.

Foi tamén presentador e moderador da maioría das edicións do programa Tengo una pregunta para usted, no que un grupo de cen cidadáns anónimos entrevista a líderes políticos invitados. Ao longo da súa traxectoria foi obxecto de moitos recoñecementos, como o Premio Antena de Oro, os Premios ATV e varios TP de Oro.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As quince edicións anteriores foron para Defende A Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).