A operadora Hamilton, do grupo Transcoma, instalarase en Caneliñas.
Creará 60 empregos directos e 200 indirectos, no porto exterior de Ferrol
Así o confirmou hoxe martes 28 de febreiro o presidente da Autoridade Portuaria, Francisco Barea, nas “Conversas non Parador” que ven organizado o Club de Prensa de Ferrol.
O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao estivo acompañado pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; o portavoz municipal do PP de Ferrol e deputado autonómico, José Manuel Rey Varela, o director do Parador de Turismo de Ferrol, José Antonio Cedena, o presidente de Iniciativa Empresarial do Noroeste /IEN por Europa, Manuel Pérez, e o presidente de AEF, Ángel Torreiro.
Tras os extraordinarios resultados do exercicio de 2022 polos que a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao lidera en España, xunto coa Coruña, lideraron o crecemento na actividade dos portos españois, superando por primeira vez os niveis pre-pandemia, Francisco Barea sinalou que as perspectivas de futuro a comezos deste ano son moi positivas, pola implantación da operadora e Hamilton do grupo Transcoma en Caneliñas que creará 60 empregos directos e 200 indirectos. Esta empresa vai reforzar os servizos á industria eólica offshore, consolidando a Ferrol como unha das súas bases, que segundo declarou, ademais cumpre un dos obxectivos que se marcou de “creación de empresas e de emprego que beneficien á cidade”.
A Autoridade Portuaria tivo en 2022 un incremento do 18,35% respecto ao 2021 en tráfico de mercancías, recibindo preto de 12 millóns de toneladas “o que supera por primeira vez os niveis pre pandemia, cando o carbón aínda ía cara ás Pontes”, segundo os datos do último exercicio, ao que Francisco Barea, engadíu que “bateuse a marca de tráfico sen contar co carbón”.
O presidente da Autoridade Portuaria, destacou as extraordinarias características coas que contan as instalacións portuarias, que contan cun porto interior de máis de 150.000 metros cadrados e un porto exterior de 630.000 metros cadrados, con calados de máis de vinte metros. O deseño do porto “é moi bo, con alta capacidade”, o que supón “unha vantaxe moi grande” respecto doutras instalacións que lles rodean.
Francisco Barea, enumerou os seus eixos de xestión da Autoridade Portuaria, entre eles: diversificación de tráfico, atraer novas empresas, finalización do tren e a relación porto-cidade. Na diversificación de tráfico, mostrábase moi crítico coa xestión do goberno central pola transición enerxética, ao non entender a situación da central térmica das Pontes, o que obrigou a alterar o tráfico do carbón, onde o porto tiña cantidades moi importantes. Pero a pesar do carbón das Pontes e a bauxita e alúmina de Alcoa, os portos de Ferrol e A Coruña “son dous primeiros, do catro que máis creceron en 2022”, e no caso do porto ferrolán “batendo a marca de tráfico sen contar o carbón”.
Tamén fixo fincapé na terminal de contedores “que empezou cun crecemento lento e errático e agora abríronse novas liñas exprés chegando a Shanghái, Singapur, Norteamérica, Sudáfrica ou Oriente Medio a traveso do porto de Algeciras, podendo crecer un 155% en movemento de mercadorías en contedores, con 90.000 toneladas” duplicando o tráfico de chatarra que hai normalmente no porto.
Chan Industrial
Sobre o chan industrial, destacou a súa falta, sendo algo tan importante para a cidade e afirmou “non podemos permitir que isto siga así, porque as empresas que queren establecerse en Ferrol, necesitan parcelas”. Para tratar de conseguir chan industrial, na actualidade están estudando, de maneira conxunta con SEA e a Xunta de Galicia, a viabilidade do polígono de Leixa.
A conexión ferroviaria
A conexión ferroviaria ó Porto Exterior “ten que finalizar porque é un obxectivo prioritario, e un dos grandes retos da Autoridade Portuaria. Agárdase que a finais de 2024 esté rematada".
No tema da conexión ferroviaria, Francisco Barea lamentouse da falta de axuda do goberno central para realizar esta obra “que a está pagando o Porto cun crédito de 100 millóns de euros”, e cunha contía pendente de recibir dos Fondos Europeos, dependentes de Portos do Estado “pero a día de hoxe non chegou nada e debemos seguir insistindo para sufragar os custos”.
Ademais do lamentable estado da liña ferroviaria entre Ferrol e A Coruña, onde nos Orzamentos Xerais do Estado “tan só hai destinados 179.000 euros”, engadindo logo que a cidade tampouco “pode quedar fora do corredor atlántico de mercadorías”, porque “suporía unha perda de competitividade que non podemos permitir”.
A relación porto-cidade
Na chegada dos cruceiros, a Autoridade Portuaria propón un cambio radical para que á chegada dos cruceiristas o Porto de Ferrol teña unhas instalacións e servizos máis actualizados e se converta nunha alternativa para estar mais tempo na cidade. Para este ano 2023, de momento están cofirmados 14 cruceiros.
Falou tamén do cambio da fachada marítima e das dúas obras que licitaron recentemente para levalo a cabo, con dous aparcadoiros “que teñen o obxectivo de dar prazas á cidade na zona portuaria, para que as persoas que veñan á cidade non se dean a volta por non poder aparcar”. Co fin de non perxudicar nis aos peóns nin aos coches, na estrada baixa as aceras serán moi anchas e terán un carril bici, “para darlle protagonismo aos peóns”. Isto tamén vai en liña co edificio da Comandancia, así como o novo parque infantil, polo que agradeceu á Xunta de Galicia a súa axuda cun convenio de 4,8 millóns de euros. En relación ao edificio de Aduanas, as súas obras vanse a executar no 2024.
En relación á pesca nas instalacións da Autoridade Portuaria, Francisco Barea deixaba claro que “non se pode permitir a pesca dentro do porto, algo que sucedía hai anos”, pero anticipou que se permitirá a pesca no peirao da Cortina.