A 25ª Edición do Curso Carlos Gurméndez terá como fío condutor a configuración dunha nova orde mundial
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas; a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz Sixto; as directoras do curso Carlos Gurméndez, Esperanza Piñeiro de San Miguel, e a directora académica do mesmo, a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo da Universidade da Coruña, Asunción López Arranz, presentaron este venres, na Sala de Xuntas da Vicerreitoría, a 25ª edición deste curso de pensamento e comunicación que terá lugar, os días 3, 4 e 5 de xullo no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol e no que se afondará sobre a configuración dunha nova orde mundial e todo o que isto implica.
Na súa intervención, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas, felicitou ao Club de Prensa de Ferrol pola organización do curso, ao tempo que destacou a participación do profesorado da Facultade de Humanidades e Documentación, da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e da Facultade de Ciencias do Traballo “nun evento de referencia para o conxunto da sociedade ferrolá e que sitúa no mapa ao Campus Industrial de Ferrol”. Pola súa banda, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz Sixto, lembrou que este ano é 25 aniversario do Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez e subliñou que temática elixida para esta edición, “cara unha nova orde mundial”, está de plena actualidade, dada a situación política internacional. Ademais engadiu que nesta edición o curso rematará coa reposición da lectura dramatizada da obra “Gurméndez nun café de Delft” , obra do profesor Eduardo Fra Molinero e traducida ao galego por Xosé María Dobarro. A obra dirixida por Helga Méndez de “Maquinarias Teatro” será interpretada polos actores, Loreto de Castro e Manuel López.
Tal e como explicou a directora académica do Curso Carlos Gurméndez, a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo, Asunción López Arranz, as xornadas darán comezo o mércores 3 de xullo cunha apertura institucional na que participará o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo e a Vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social Ana Ares, as directoras do curso e a presidenta do Club de Prensa de Ferrol.
A primeira intervención estará a cargo do profesor da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, Jorge Quindimil López; do coordinador do grao en Relacións Internacionais, titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Félix Puime Guillén; e da propia López Arranz; quen falarán sobre xeopolítica, a transmisión do coñecemento universitario a nivel internacional e do novo modelo social europeo, respectivamente.
Nas xornadas do xoves 4 xullo intervirán o profesor da Historia Antiga da Facultade de Humanidades e Documentación, Juan Luis Montero Fenollós; o presidente de Reporteiros sen Fronteiras España e profesor da Universidade Complutense de Madrid, Alfonso Baulúz de la Iglesia; a catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, María Xosé Rodríguez Galdo; e a catedrática de Fundamentos Económicos da Universidade da Coruña, Isabel Novo Corti.
Por último, o venres 5 de xullo achegaranse ata o Campus Industrial de Ferrol o codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (IDECAH), Jesús Núñez; a responsable da Unidade de Estudos Bibliográficos da Universidade de Barcelona, Anna Caballé; e o catedrático de Estatística e Investigación Operativa da Universidade da Coruña, Salvador Naya.
Presentación “Gurméndez nun café de Delft” e Lectura dramatizada
A presentación do libro “Gurméndez nun café de Delft” de Eduardo Fra Molinero e a lectura dramática da obra teatro co mesmo nome dirixida por Helga Méndez de Maquinarias Teatro porá punto e final á 25 edición do Curso de Pensamento e Comunicación promovido desde o Club de Prensa de Ferrol.
As persoas interesadas en participar neste curso gratuíto terán que enviar un correo electrónico cos seus datos persoais a este email ou ben chamar ao 661 331 986 antes das 10:30 horas do mércores 3 de xullo. Máis información aquí. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. O curso conta coa homologación de 20 horas da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para o profesorado de ensino non universitario.