“Conversas no Parador” con Francisco Javier Sanz Larruga sobre o conflito entre a eólica mariña e a pesca de baixura
O 28 de febreiro deste ano 2023 o goberno central aprobou os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM); unha folla de ruta para os diferentes usos da contorna costeira esencial para o desenvolvemento da eólica mariña en España.
O documento, demandado por Europa desde hai anos, provocou un importante punto de fricción entre os dous sectores con actividade nas devanditas áreas: o pesqueiro e o enerxético, dado que o primeiro considera que a instalación de parques en determinados puntos é incompatible co mantemento do sector pesqueiro neses puntos.
Para afondar sobre esta problemática “As Conversas no Parador” deste venres 31 de marzo tiveron como convidado ao catedrático en Dereito Administrativo, experto en Dereito Ambiental e director do Observatorio do Litoral, Francisco Javier Sanz Larruga, quen debullou ante os presentes, tanto o labor e as diferentes accións levadas a cabo polo Observatorio do Litoral, como a orixe, finalidade e importancia dos POEM.
Sanz Larruga sinalou que os mencionados plans chegaron “con dous anos de atraso”, lamentando as “présas na súa aprobación”, motivadas principalmente por mor da invasión rusa a Ucraína. Neste sentido, a necesidade de reforzar a soberanía enerxética europea acelerou o proceso, o que trouxo consigo que “a voz da pesca, non se escoitase no debate sobre o futuro costeiro como se debera” ao contrario, apuntou o catedrático, que no “Observatorio da Eólica Mariña de Galicia, onde participan de forma activa todos os actores que interveñen na contorna marítima” e que contribuíron a sentar as bases do anteproxecto de “Lei de Ordenación do Litoral” que foi presentada o 10 de marzo de 2023 no auditorio do PALEXCO (A Coruña). Con ela, sinalou Sanz Larruga, “preténdese protexer unha riqueza pesqueira e marisqueira, a galega, únicas no mundo”.
Neste anteproxecto de lei figura a protección do espazo marítimo, os espazos naturais que aínda que estaban protexidos pola Rede Natura, e a de Hábitats, era necesario protexer, e tamén o mar e a súa riqueza azul. Protexer a calidade das augas do mar galego, porque a maior concentración de poboación aséntase no litoral. Tamén protexe a actividade acuícola, a pesca costeira e a biotecnoloxía, (as plantas e algas que hai que protexer porque delas extráense produtos que axudan a conservar a saúde), e algo fundamental como regular o transporte marítimo con buques navegando incesantemente con mercadorías perigosas. Todo isto debería ser contemplado nos POEM para evitar o conflito que se está a dar.
A modo de exemplo, o experto sinalou que, “España en xeral e Galicia en particular, conta cunha placa continental reducida e moi rica en biodiversidade, o que limita o espazo no que se poden instalar parques eólicos e que os previstos estes coinciden con importantes caladoiros”. No extremo oposto situaríase o Reino Unido, cunha placa moito máis extensa, pero onde a implantación desta tecnoloxía terminou por xerar tamén un conflito no sector. Por todo isto e para tratar de resolver o conflito que se está xerando en Galicia, Sanz apuntou “como primeiro paso, reunir a todas as partes afectadas nun mesmo organismo e dialogar, dialogar moito. Non se pode dar as costas á eólica mariña pero é preciso “realizar estudos máis profundos, estudar o impacto dos aeroxeradores nos caladoiros, preservar os recursos naturais, e defender a soberanía alimentaria”. Houbo dous anos de atraso. Había que aprobar os POEM pero o tema da eólica mariña é discrecional e a presa está fóra de lugar. Non é bo improvisar; pesca e enerxía son fundamentais para Galicia. Temos medios e mecanismos científicos para poder dicir , polo que o “desenvolvemento tecnolóxico é necesario pero debe ser “sustentable”.