Bases do VI Premio de Xornalismo Luís Mera
- Poderán concorrer ao certame os xornalistas profesionais e colaboradores habituais que desenvolvan o seu labor de información ou opinión, sobre calquera tema ou xénero, no ámbito xeográfico das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, cun traballo que fose publicado ou emitido nun medio de comunicación da Comunidade Autónoma Galega.
- O Premio está dotado con 1.000 euros, diploma acreditativo e alegoría artística. No caso de recaer o premio en traballos colectivos, a contía repartirase proporcionalmente entre o número de autores do mesmo. O Xurado poderá outorgar accésits, sen dotación económica, entregando aos seus autores pezas artísticas alusivas ao Xornalismo. O importe do Premio estará suxeito ás correspondentes retencións fiscais.
- Poderán presentarse ao Premio traballos publicados ou emitidos desde o 01/01/2019 ata o 31/12/2019. Non se admitirán traballos publicados ou emitidos fóra dese período. Só se aceptará un traballo por autor ou colectivo de autores.
- O prazo de admisión de traballos finaliza o vindeiro 8 de xullo de 2020.
- Os exemplares presentaranse de acordo con estas condicións:
- Prensa escrita: Enviarase unha copia da publicación na que fose difundido.
- Audio ou vídeo: Entregarase unha copia que deberá recoller o espazo ou programa completo en que foi emitido.
- Electrónico: Presentarase unha copia que recolla a captura da páxina ou páxinas web onde foi difundido.
- Os traballos poderán enviarse por correo electrónico a premioxornalismo@clubdeprensadeferrol.com ou por correo postal ao 6º Premio de Xornalismo “Luís Mera”. Club de Prensa de Ferrol. Apdo. de Correos 283. 15480 Ferrol.
- A presentación e inscrición farase a través da páxina web do Club de Prensa de Ferrol. Unha copia desta inscrición será enviada coa copia do traballo ao enderezo elixido para o envío. Os autores enviarán tamén un breve currículo indicando a súa formación e actividade profesional.
- O Xurado estará composto pola presidenta do Club de Prensa (ou persoa na que delegue) e por profesionais do sector da Comunicación de cada unha das áreas obxecto do concurso e estará asistido nas súas deliberacións por un secretario membro do Club de Prensa, con voz e sen voto.
- A decisión do Xurado será inapelable.
- O Premio poderá declararse deserto. O fallo do xurado farase público o sábado 18 de xullo de 2020.
- O Club de Prensa de Ferrol poderá divulgar os traballos premiados citando o medio de publicación ou emisión orixinal e o nome do/a autor/a.
- A presentación a este Premio implica a aceptación polos autores de todas as bases da convocatoria, así como a autoridade do Xurado para resolver continxencias non explícitas nesta normativa.
Ferrol, a 15 de xuño de 2020