Descripción del proyecto

XIV Premio José Couso á Liberdade de Prensa. As candidaturas poden ser votadas ata as 19.00 horas do 10 de abril


Ferrol, 08 de abril de 2018

Dúas mulleres e dous homes, tres deles galegos, concorren este ano ao Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. As propostas desta XIV Edición son Nacho Carretero, Ramón Chao, Zehra Dogan e Julia Otero.

Os candidatos, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación. Os asociados e asociadas do Club de Prensa de Ferrol poderán elixir a candidatura gañadora ata as 19 horas de martes 10 de abril enviando un e-mail a premiocouso@xornalistas.gal. Deberán enviar a súa elección e incluír os seus datos persoais (nome, DNI e número de asociado). O voto non será válido se os datos non son correctos.

SOBRE OS CANDIDATOS

Nacho Carretero, xornalista coruñés, ten traballado e colaborado en numerosas redaccións, demostrando a súa capacidade de adaptación a distintos formatos e a medios de diversa orientación. É autor do libro "Fariña", publicado pola editorial Libros del K.O., sobre o narcotráfico en Galicia nos anos 80 e 90 do século pasado, que en febreiro deste ano 2018 foi secuestrado por orde xudicial.

Ramón Chao, veterano escritor e xornalista nado en Vilalba, desenvolveu a súa carreira en Francia, en medios como Radio France Internationale, Triunfo, Le Monde ou Le Monde Diplomatique. Defensor da liberdade de prensa ao longo de toda a súa traxectoria, tamén realizou unha permanente reivindicación da lingua e a cultura galegas, dirixindo emisións radiofónicas en galego prohibidas pola ditadura franquista.

Zehra Dogan, xornalista kurda e editora da axencia de noticias Jinha, formada integramente por mulleres, atópase encarcerada na prisión de alta seguridade de Diyarbakir polo seu traballo como comunicadora, acusada polas autoridades turcas de "facer propaganda para unha organización terrorista". A súa axencia Jinha foi pechada en 2016 polo goberno.

Julia Otero, monfortina, ten unha extensa carreira profesional vinculada principalmente á radio, aínda que tamén é salientable a súa etapa na televisión. Ao longo dos seus anos como xornalista, destacou pola defensa da liberdade de prensa e pola defensa da información rigorosa e contrastada. Os seus catro premios Ondas, entre outros galardóns, sitúana como unha das xornalistas de maior recoñecemento na actualidade.

O nome do gañador darase a coñecer nunha rolda de prensa. Está previsto que a entrega teña lugar o 3 de maio, Día da Liberdade de Prensa, en Ferrol. Como cada ano, o Concello de Ferrol cederá o teatro Jofre para celebrar os actos entre os que está prevista a actuación musical de que cada ano ameniza o certame e que nesta ocasión estará a cargo do Proxecto Vocal "Concerto Tempo".