Descripción del proyecto

Ramón Loureiro presenta en Ferrol a súa última novela "Al Rey de los Ángeles"


Ferrol, 17 de decembro de 2018

O sábado 15 de decembro, o salón de a de Afundación de Ferrol acolleu a presentación de "Al Rey de los Ángeles", última obra de Ramón Loureiro, escritor e xornalista de La Voz de Galicia. A obra, que supón o regreso á ficción do creador da mítica "Terra de Escandoi", relata a viaxe dos Reis Meigos a Galicia.

O acto, organizado polo Club de Prensa de Ferrol, contou coa participación do presidente da editora do libro Hércules Edicións, Francisco Rodríguez Iglesias, do profesor e presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, da profesora e directora de Ferrol Análisis, Esperanza Piñeiro de San Miguel, e da presidenta do Club de Prensa, Julia Díaz.

Ante o numeroso público asistente, Julia Díaz, sinalou a atmosfera máxica na que se desenrolaba a novela de Ramón Loureiro, que fora quen de enfeitizar o acto de presentación coa presencia en Afundación dun grupo de rapaces do coro do Colexio das Discípulas de Jesús Maestro, que ían cantarlle unhas panxoliñas "Al Rey de los Ángeles".

Referíndose á novela, Julia Díaz, destacou o manexo por Ramón Loureiro "dunha linguaxe e precisión narrativa rica en matices descritivos que deixan pegada nos lectores", e que ese xeito de narrar, "está tan entrelazado, na ficción e na vida do autor, que semella que está a tratar de recuperar unha infancia vivida e soñada, nun ollar con ollos de neno de aldea".

Tanto Isidoro Hornillos como Esperanza Piñeiro de San Miguel, eloxiaron a obra de Ramón Loureiro, destacando a súa fermosa prosa poética, dotada dun especial senso de humor e pinceladas de melancolía. Un senso de humor que contaxiou ao público presente cando Isidoro Hornillos, lembrou o carácter de "plusmarquista mundial" de Loureiro. Anécdota que foi clarexada por Ramón Loureiro, entre a complicidade do público presente.

Un par de panxoliñas a cargo dun grupo de alumnos do Coro do Colexio das Discípulas, pechou un acto entrañable no que o escritor e xornalista Ramón Loureiro, recibiu o agarimo a aplauso unánime dun público fiel e atento que o acompañou na presentación en Ferrol da súa última novela, "Al Rey de los Ángeles".