Descripción del proyecto

Presentación de Exponav da obra en tres volumes "Ventos de Guerra. Apoxeo e crise da Real Armada, 1750-1823"


Ferrol, 13 de decembro de 2018

O martes, 11 de decembro, no Salón de Exponav e organizado polo Club de Prensa de Ferrol, presentouse unha magna obra colectiva, de tres volumes e con 2.200 páxinas, que estuda a Real Armada dos Borbóns, desde 1750 até 1823. Presentaron ao coordinador da publicación, o catedrático Juan Marchena, e a un dos autores, o profesor José Manuel Sánchez Lijó, a Presidenta do Club de Prensa, Julia Díaz, e a profesora Esperanza Piñeiro, igualmente membro do Club de Prensa e organizadora do Curso de Pensamento Gurméndez. Ambas glosaron o inxente labor investigador do equipo e a súa magnitude e importancia.

Os dous profesores pasaron revista aos diferentes aspectos da organización e do persoal, civil e militar, que participou na construción daqueles 420 buques, navíos e fragatas que se encadraron na Real Armada borbónica. Con claros e abundantes datos, tanto Marchena como Sánchez Lijó, incidiron e repasaron o auxe e caída daquela gran frota de navíos de guerra, nada para protexer o trafico marítimo do ouro e a prata que viñan das colonias americanas.

"Ventos de Guerra. Apoxeo e crise da Real Armada, 1750-1823", editado por Edicións Doce Calles, nos seu tres volumes e 2.200 páxinas, analiza a Real Armada da monarquía española na segunda metade do século XVIII e primeiras décadas do XIX: desde a construción naval durante estes anos, a formación da oficialidade, os mecanismos de financiamento, as distintas etapas organizativas, o deseño da política exterior e a participación nela da Real Armada, os buques, tipoloxía, navegacións, operatividade, accións de combate, as escuadras e as súas evolucións, a vida a bordo, até o estudo dos Arsenais Cartaxena, Cádiz, Ferrol e A Habana, finalizando cunha mirada ás actuacións desta Real Armada no Pacífico.