Descripción del proyecto

O xornalista Miguel Boó presentou a súa biografía de " Suso Vaamonde. A voz do trebón" na biblioteca Municipal de Ferrol


Ferrol, 22 de febreiro de 2019

O venres día 22 ás 19,30 na Biblioteca Municipal, tivo lugar a presentación do libro do xornalista Miguel Boó, "Suso Vaamonde, a voz de trebón". O músico rebelde que popularizou a poesía galega. Unha pormenorizada biografía do que fora cantante da chamada "Nova Canción Galega" falecido en Vigo no ano 2000. No acto, organizado polo Club de Prensa de Ferrol, participaron ademais do autor, o escritor e antigo compoñente de "Voces Ceibes", Vicente Araguas e o membro do Club de Prensa e cantautor coetáneo do grupo musical, Xoán Rubia.

Suso Vaamonde tivera unha estreita relación co colectivo de "Voces Ceibes", afinidade que co tempo iríase deteriorando ata a súa definitiva escisión. Prolífico compositor tiña un feixe de cancións baseadas en poemas dos autores galegos mais significativos que incidían na defensa da lingua e nas reivindicacións sociais da xente menos favorecida. O seu radical compromiso levouno a veces a situacións moi comprometidas coma a de estar condenado e ter que se exiliar.

Sobre estes avatares falaron Xoán Rubia e Vicente Araguas, que incidiron nos diversos temas que o autor Miguel Boó aborda no libro, para o que realizou moitas entrevistas con xente que tivera cousas en común con Suso Vaamonde, conseguindo que "Suso Vaamonde. A voz do trebón", sexa tamén ademais dunha biografía un percorrido pola historia recente de Galicia e a xeración que xogou un destacado papel na recuperación da lingua e cultura galegas.