Descripción del proyecto

Jaime Rodríguez-Arana nas "Conversas no Parador"


Ferrol, 27 de febreiro de 2019

O luns 25 de febreiro as "Conversas no Parador" que ven organizando o Club de Prensa de Ferrol, tiveron como invitado a D. Jaime Rodríguez-Arana, quen abordou o tema de Reforma Constitucional. Catedrático de Dereito administrativo na Universidade da Coruña, o ferrolán Rodríguez-Arana, partiu no seu relatorio das "Reflexiones sobre la Reforma da Constitución de 1.978", un estudo que coordinou e que foi realizado no marco da Asociación de exparlamentarios das Cortes Xerais, no ano 2016.

Definiu a actual Constitución como un dos monumentos xurídicos e políticos máis importantes da historia de España, no que se abriron espazos de liberdade e solidariedade propicios para construír unhas institucións asentadas na democracia. Sinalou tamén que como toda norma xurídica a Constitución é unha creación do dereito, para que en cada momento os cidadáns póidanse adecuar os marcos da xustiza e dos valores superiores da democracia. Neste senso, salientou algunhas cuestións que debían ser actualizadas.

Entre elas, subliñamos a igualdade entre home e muller na sucesión da Coroa; a dimensión social dos dereitos fundamentais da persoa que debe atopar acomodo na letra da Constitución; o réxime xeral de partidos políticos, sindicatos e organizacións representativas de intereses xerais que demanda novas formulacións que preserven a esencia democrática destas institucións; ou que a Norma Fundamental regule determinados aspectos da integración do noso país a Unión Europea.

En canto á cuestión territorial, sinalou que necesita novos impulsos, desde os principios constitucionais, para atopar solucións a desafíos de todos coñecidos. Solucións que poden ir desde a reforma do Senado até unha mellor regulación das competencias dos diferentes niveis de goberno. Tamén se referiu a preservación da independencia no Consello Xeral do Poder Xudicial e a Fiscalía Xeral do Estado. En canto ao estatuto dos parlamentarios, mencionou que o concepto de inmunidade e os aforamentos débense repensarse e adecuarse á realidade do tempo político actual.

A intervención de Jaime Rodríguez-Arana foi seguida por un público interesado e atento entre o que figuraban profesores e profesionais do campo do dereito.