Descripción del proyecto

Exposición e conferencia de Ricardo Guarriarán e Eduardo Fra Molinero no Ateneo Ferrolán


Ferrol, 24 de abril de 2018

O Luns 23 de abril, no Ateneo Ferrolán, organizada polo Club de Prensa de Ferrol, tivo lugar a inauguración da exposición montada na mencionada entidade cultural, titulada "Do Gaudeamus igitur ao Venceremos Nós. As mobilizacións estudantís do 68 en Compostela". A exposición permanecerá aberta ata o 4 de maio.

A "movida" estudantil en Santiago en maio do 68 é a protagonista da devandita exposición gráfica, presentada por Eduardo Fra Molinero e Ricardo Gurriarán. Acto seguido, xa no Salón de Actos do Ateneo Ferrolán, e presentados os relatores por Xulia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa, comezou a disertación de ambos, pasando revista aos numerosos aspectos das reivindicacións estudantís daquel ano 1968, salpicado de numerosos acontecementos internacionais.

Ricardo Gurriarán, autor dun libro de cabeceira para o estudo desta transcendental época, titulado "Inmunda Escoria", como cualificaba aos estudantes universitarios un titular publicado en O Correo Galego de Santiago. Incidiuse nos aspectos reivindicativos de suprimir o autoritarismo dos profesores, de obter máis democracia, e de máis liberdade, que substancialmente coincidían coas peticións dos estudantes franceses no seu "Manifesto de Nanterre".

Gurriarán manifestou a gran represión das autoridades docentes, permitindo as intervencións policiais no Campus, as detencións de estudantes e as sancións aos líderes das revoltas e asembleas. A prensa, con excepción de O Correo Galego, mostrou o seu apoio aos estudantes, principalmente o decidido de La Voz de Galicia, que motivou que o seu director, Bocelo fora cesado no seu cargo e multado fortemente polo T.O.P e que tamén foi seguido, mais timidamente, por O Faro de Vigo ou O Progreso de Lugo.

As tensións entre a autoridade, política e académica, e os estudantes desembocaron en cesamentos e dimisións, como o reitor Echeverri, o gobernador civil da Coruña, Avendaño Porrúa, e a dimisión e cesamento do propio ministro de Educación, Lora Tamayo. Tamén foi importante a intervención da Igrexa, co cardeal Quiroga Palacios, en apoio aos estudantes, que chegou a referirse na prensa ao seu "espírito sindicalista". Podemos dicir, que aínda en época franquista, os estudantes lograron a vitoria, ata o punto de "negociar" co gobernador civil, Landín Carrasco, o levantamento das sancións administrativas e económicas aos estudantes.

Finalizou o acto coa proxección de interesantes fotografías da época, onde se puido recoñecer a importantes personaxes daquela loita estudantil pola liberdade e a Democracia.

Crónica e fotos: R. Permuy