Descripción del proyecto

"Conversas non Parador" co Conselleiro de Política Social, Jose Manuel Rey Varela


Ferrol, 05 de setembro de 2018

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou o mércores 5 de setembro nas "Conversas non Parador" onde avanzou que o vindeiro venres se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para 30 casas do maior, "destinadas a aqueles concellos de índole rural, onde non existen centros de día nin servizos residenciais".

Rey Varela abundou en que esta nova proposta do seu departamento baséase no funcionamento das actuais casas niño para menores, pois aposta por que "en calquera parroquia de Galicia, nunha vivenda ou nun espazo público, unha persoa que promova esa casa do maior comprométase ao coidado de cinco persoas maiores na súa contorna, a través do auto-emprego. É unha medida que estimo que é moi nova", afirmou o conselleiro. "Estamos a traballar para que Galicia sexa o mellor lugar para ser maior, do mesmo xeito que para ser neno". A este respecto, sinalou que "actualmente o 85% dos galegos que ten recoñecida a súa dependencia están atendidos, fronte ao 60% que había cando se creou esta Consellería, fai tres anos, algo que non é suficiente".

"Estamos a traballar nos deberes que nos puxo o presidente, que é atender a 60.000 galegos dependentes antes de que finalice 2018". Neste ámbito referiuse ao "bono autonomía en residencia", destinado a aqueles que agardan por unha praza nunha residencia pública, "xa que non hai prazas suficientes", o bono rolda unha media de 490 euros ao mes, o que coa pensión, sinalou Rei Varela, "permite a moitos maiores dispor deste recurso privado sen renunciar á praza pública".

POLÍTICAS PARA NENOS

José Manuel Rey Varela realizou un breve repaso por aqueles ámbitos que son competencia de Política Social. Referiuse ás axudas que ten en marcha o Goberno galego para facilitar a colaboración económica coas familias a través da Tarxeta Benvida, de 100 euros mensuais e "estendida agora até o tres anos". Tamén se referiu ao Bono Concilia para axudar a sufragar os gastos das gardarías daqueles pais que non logren unha praza nun dos centros públicos, así como ao Bono Coidado, "destinado a sufragar os gastos do coidado dos nenos no fogar cando hai unha necesidade".

RETO DEMOGRÁFICO

Un dos "retos" máis importantes para Rey Varela é lograr "reverter a situación demográfica que vive" Galicia. Para iso, aposta por "facer políticas a longo prazo, escapar do cortoplacismo e propostas co consenso de todas as forzas políticas".

FUTURO POLÍTICO

O inicio do ciclo de "Conversas non Parador" tras o paréntese estival, concitó unha amplísima representación de medios de comunicación tanto locais como provinciais e/ou rexionais, interesados pola máis que posible participación de Rey Varela nas próximas eleccións municipais como candidato á alcaldía de Ferrol. Incógnita á que o conselleiro foi remiso a despexar debido a que segundo as súas palabras, quería ser "respectuoso coa lección do presidente da Xunta, Núñez Feijoó de non confundir as tarefas de goberno con temas de partido". Algo que logrou a duras penas, tras as directas e constantes preguntas dos xornalistas sobre o tema, do que saíu coa resposta de que non ía dar resposta a esa pregunta pero engadiu, "cando a dea nun acto de partido, non lle vai a sorprender a moitos ferroláns".