Descripción del proyecto

"Conversas no Parador de Ferrol" con Luís Villares


Ferrol, 22 de febreiro de 2018

A problemática ferrolá nos seus diversos aspectos sociais, políticos, laborais e económicos foi analizada por Luís Villares, voceiro no Parlamento de Galicia por En Marea, o xoves 22 de febreiro, no transcurso das "Conversas non Parador".

Ante os representantes dos medios escritos e audiovisuais ferroláns, Villares comezou a súa exposición incidindo na caída demográfica en Ferrol, que sufriu a perda de 20.000 habitantes, e na crise de desemprego e falta de infraestruturas adecuadas, para continuar sinalando que "son as institucións as que deben garantir os dereitos dos cidadáns e han de traballar na recuperación da confianza no futuro da cidade" para o que "é necesario reverter o estado de opinión, mediante unhas políticas de emprego adecuado e de calidade".

Sinalou Luís Villares que se foi perdendo a capacidade produtiva do tecido empresarial e naval ferrolán, sinalando, a modo de exemplo, que Ferrol que era un viveiro de soldadores, neste momento presenta un déficit preocupante destes especialistas industriais. Incidiu, por iso, no logro dun adecuado "Plan Industrial" que afecte a Navantia, fundamentalmente e aumentar as políticas de I+D, que presentan un importante déficit. Tampouco, dixo,"se debe descartar o investimento en enerxías renovables".

Outro aspecto fundamental que, ao seu xuízo, debe atenderse é o da conexión ferroviaria do Porto Exterior, e as infraestruturas ferroviarias do Cantábrico, cuxa ausencia fan que Ferrol e Galicia non estean incluídos no proxecto do "Corredor Atlántico de Mercadorías", que axudaría ás posibilidades de importación e exportación e de competitividade ferrolá no mercado europeo.

"Galicia", dixo Villares, referíndose á Xunta, "debe volver apostar forte por Ferrol, xa que no pasado, na época do florecemento industrial e comercial da cidade, esta envorcouse con Galicia. É necesaria, agora, a reciprocidade". O político de "En Marea" volveu insistir na necesaria vertebración de Galicia e todo o país, no ámbito ferroviario, con trens de proximidade que ligazón, con soltura, as diversas aéreas metropolitanas.

Trala súa exposición abriuse a rolda de prensa cos compañeiros dos medios de comunicación ferroláns, que preguntaron sobre a política municipal, sinalando Villares a súa boa de relación con Ferrol en Común e o alcalde Jorge Suárez, e incidiu na necesidade de chegar a un acordo co PSOE para desbancar á dereita do poder. Pese ao desgaste sufrido, espera que as "Mareas" conserven as alcaldías das principais cidades galegas, polo seu modelo eficaz de gobernación municipal.

Dado o tema de actualidade, na súa condición de xurista e político, Villares analizou o grave deterioro da liberdade de expresión e o déficit da mesma, con motivo da "Lei Mordaza" e a proliferación dos delitos de odio que chegan aos tribunais.

Crónica: Rafael Permuy.