Descripción del proyecto

"Conversas no Parador de Ferrol" co Presidente da Deputación da Coruña Valentín Formoso


Ferrol, 25 de outubro de 2017

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou o mércores 25 de outubro nas "Conversas no Parador de Ferrol", onde tratou de varios temas relacionados coa entidade provincial, comezando polos resultados do Plan Único, que, segundo el, permitiu maior axilidade e eficacia, ao conseguir reagrupar once liñas de subvención e tramitar mil expedientes menos entre 2016 e 2017.

O presidente da Deputación apuntou que este programa provincial modifica tamén o concepto tradicional de gasto e investimento. "O gasto ben gastado é investimento, e o investimento mal feito supón un gasto", e explicou que o Plan Único permite non só facer obras e investimentos, senón tamén financiar parte do gasto corrente municipal, "A Deputación achega fondos que contribúen a custear servizos de utilidade pública como a axuda a domicilio, a iluminación pública ou as nóminas de persoal das escolas infantís", apuntou.

O Plan Único supón un investimento de 32,1 millóns de euros na comarca de Ferrolterra para o bienio 2017-2018, unha importante inxección económica que contribúe á mellora das infraestruturas dos municipios da zona e á dinamización da economía local.

INCENDIOS

Outro dos asuntos abordados neste almorzo informativo foi o modelo de xestión dos parques comarcais de bombeiros. Neste punto, González Formoso defendeu un modelo de xestión directa, xa que "se trata dun servizo básico de emerxencias, e a prioridade é que sexa o máis eficiente posible".

Formoso lembrou que "actualmente, os parques de bombeiros están xestionados por empresas privadas" e que Galicia é "a única comunidade autónoma onde se aplica este modelo". Tamén neste aspecto, o presidente provincial demandou un novo mapa de emerxencias de Galicia que inclúa unha mellor coordinación dos diferentes servizos.