Descripción del proyecto

Conferencia de Antonio Elorza sobre "Nacionalismos e Constitución"


Ferrol, 29 de novembro de 2018

O salón de actos de Afundación, acolleu o xoves 29 de novembro a conferencia que sobre sobre "Nacionalismos e Constitución" pronunciou o Catedrático, historiador e columnista Antonio Elorza. Elorza, que no seu día fora un activo membro do P.C. de Euskadi, foi finalmente expulsado do partido por consideralo "nacionalista", e cualifícase hoxe como "un activo utópico", incrédulo, pero cunha capacidade analítica de alto valor.

Iniciouse o acto coas presentacións do interveniente a cargo de Julia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa, entidade organizadora do acto e Esperanza Piñeiro, profesora. Ambas, tras glosar a figura de Elorza, como autor de libros, ensaios e artigos xornalísticos, así como por ser profundo coñecedor dos nacionalismos vasco, catalán e galego, e do seu devir ao longo da historia española, deron paso ao conferenciante.

Antonio Elorza define a España como "un país plurinacional", cuxa organización administrativa a pesar de comezar nas mesmas datas e con similar modelo de estado á de Francia, sempre fracasou, principalmente ante a ausencia inicial dun mercado nacional. Insistiu o conferenciante en que España é un reino unificado, pero cunha profunda división entre as Comunidades Autónomas, cun nacionalismo exacerbado baseado no rexeitamento e a exclusión do "outro". Na actualidade, grazas á chamada "Cuota Vasca", o nacionalismo euscaldún mantense latente, mentres que en Cataluña o chamado "Pacto Fiscal" catalán, proposto por Artur Mas, e non concedido, segue mantendo en vigor o chamado "Procés".

Finalizou o profesor Elorza, que se definiu como "federalista", mostrando o seu escepticismo ante o futuro, en canto á resolución da problemática separatista, por entre outras cousas, carecer dunha clase política de maior altura de miras e cunha visión posibilista ante os nacionalismos excluíntes en vixencia.

Rafael Permuy